Nova: A Xunta incrementa un 16% a colaboración coa Federación Galega de Bandas ata os 140.000 euros

19/05/2023

A Xunta incrementa un 16% a colaboración coa Federación Galega de Bandas ata os 140.000 euros

O obxectivo é apoiar novas vocacións e talentos en máis de 90 formacións das catro provincias, que recupera xa o nivel de actividades prepandemia

Contribúese ao desenvolvemento do Certame Galego de Bandas, o Concurso Galego de Composición e o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, ademais de se impulsar a elaboración dun ‘Manual de boas prácticas’

O Consello da Xunta aprobou hoxe o contido do convenio de colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares a través do que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe cunha achega de 140.000 euros ao desenvolvemento das principais actividades desta entidade, que agrupa máis de 90 formacións das catro provincias.

Esta contía supón un incremento superior ao 16% no financiamento desta colaboración para lle dar resposta á recuperación dos niveis anteriores á pandemia en canto ao número de citas e de bandas participantes nas diferentes iniciativas da Federación. O obxectivo común continúa sendo favorecer o relevante labor das bandas no impulso de novas vocacións e talentos para a música, así como na creación de públicos, ademais de dar a coñecer o gran nivel existente en Galicia e ampliar o repertorio de temática galega para este tipo de formacións.

No eixo principal desta colaboración sitúase o Certame Galego de Bandas de Música, que este ano celebrará a súa 16ª edición os días 28 e 29 de outubro no Pazo da Cultura de Narón e para o que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de maio. A convocatoria aspira a revalidar as cifras de participación de 2019 e anos anteriores, cando se congregaban unha vintena de bandas e máis de 1000 músicos.

Recuperación dos concertos promocionais

Para esta nova entrega, que distribuirá preto de 25.000 euros en premios, recupéranse ademais os concertos promocionais do certame, que terán lugar nos meses previos en diferentes localidades de Galicia.

De xeito paralelo, desenvólvese o XVI Concurso Galego de Composición co fin de fomentar e estimular a composición musical como parte fundamental do patrimonio cultural galego, ademais de suplir a escaseza de repertorio de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música.

Xornada na Cidade da Cultura

Con anterioridade, no mes de xullo, terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a sexta edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, que busca dar a coñecer o traballo das formacións máis novas das bandas de música populares galegas, ao tempo que se fomenta unha xornada de convivencia entre elas.

Como novidade este ano, o convenio inclúe a elaboración e difusión dun Manual de boas prácticas que sirva de guía para a correcta planificación e programación das actuacións deste tipo de formacións musicais.

 

 

 

Comparte