Nova: A Xunta incorpora aos editores na nova convocatoria de axudas para apoiar a participación dos profesionais do libro en feiras e seminarios

21/05/2023

A Xunta incorpora aos editores na nova convocatoria de axudas para apoiar a participación dos profesionais do libro en feiras e seminarios

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova edición destas axudas que tamén están dirixidas a escritores, ilustradores e tradutores

Facilítase a súa participación en actividades do libro que se celebren este ano fóra de Galicia e amplíase o importe que cada beneficiario poderá acadar

 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria das liñas de axudas para apoiar aos profesionais do sector do libro na súa participación en feiras e actividades do libro fóra de Galicia. Como novidade, ademais de escritores, ilustradores e tradutores, este ano amplíanse os beneficiarios tamén aos editores. Ademais, auméntase a contía que recibe cada un dos beneficiarios.

Como se indica nas bases, poderán acceder a estas subvencións os profesionais que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito de Galicia. Facilítase a súa participación en actividades do libro fóra da comunidade no ano 2023 coa cobertura dos gastos de viaxe (aloxamento e transporte) que permitan a súa asistencia a feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.

O financiamento, cun máximo de dúas actividades por solicitante, suporá unha axuda de 500€ (fronte aos 400 do ano anterior) para as actividades celebradas en España. No caso do resto de Europa a cifra ascende a 900€ (200 euros máis que o ano pasado) e para as actividades celebradas no resto do mundo a contía será de 1.600€, fronte aos 1.500€ do ano pasado.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, e os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 2 de novembro de 2023.

Estas axudas enmárcanse no Plan de impulso ao libro galego aprobado recentemente dentro do Plan Xeración Cultura cunha batería de medidas para apoiar aos profesionais e crear e fidelizar lectores. Entre os seus eixos de actuación inclúese a internacionalización e proxección exterior como un dos pilares.

Comparte