Nova: El Corte Inglés súmase á promoción da exposición da Xunta sobre Picasso, que encara o seu último mes

02/06/2023

El Corte Inglés súmase á promoción da exposición da Xunta sobre Picasso, que encara o seu último mes

O delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, agradece á entidade o seu apoio “ao principal fito cultural do ano en Galicia, que xa visitaron milleiros de persoas”

‘Picasso branco no recordo azul’, organizada co gallo da conmemoración do 50 aniversario da morte do autor, pode visitarse no Museo de Belas Artes ata o día 25
 

A Coruña, 2 de xuño de 2023 El Corte Inglés súmase á promoción da exposición da Picasso branco no recordo azul nun xesto por animar aos galegos, turistas e potenciais visitantes a achegarse á mostra organizada pola Xunta no marco do 50 aniversario da morte do autor que entra hoxe no seu último mes aberta ao público no Museo de Belas Artes da Coruña.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que achegouse ao establecemento da rúa Ramón y Cajal en A Coruña, foi recibido pola directora de Comunicación de El Corte Inglés en Galicia e Asturias, Fuencisla Cid e pola directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pena. Alí está instalada desde hoxe unha gran lona promocional coa imaxe dunha das pezas estelares da exposición: Maya à la poupée, do Musée Picasso de París, unha obra mestra que ten a súa orixe temática na Coruña.

Alí, o representante autonómico agradeceu á entidade o seu apoio a esta mostra, “o principal fito cultural do ano en Galicia que xa visitaron milleiros de persoas desde a súa apertura o pasado mes de marzo”. Animou, ademais, a aproveitar ata o día 25 de xuño para visitala no Museo de Belas Artes. O acceso é gratuíto e pódese visitar todos os días agás os luns, no seu horario habitual, que pode consultarse na súa web.

Pola súa parte a directora de Comunicación compartiu o compromiso da súa entidade coa cultura destacando os 25 anos que cumpriu Ámbito Cultural de El Corte Inglés, “dende este programa impulsamos e achegamos a cultura á sociedade. E a promoción do ano Picasso, que tamén contará con actividades na tenda en outono, é unha celebración única da cultura e da Coruña”.

Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o seu equipo técnico, Picasso branco no recordo azul é a única exposición da Comunidade galega integrada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023. Trátase dunha iniciativa na que a Xunta de Galicia se suma as homenaxes ao artista impulsadas polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcou a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.

Comparte