Nova: A nova exposición do CGAC percorre os 30 anos de traxectoria da viguesa Almudena Fernández Fariña a través das súas fotos, bordados ou pezas cerámicas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
02/06/2023
A nova exposición do CGAC percorre os 30 anos de traxectoria da viguesa Almudena Fernández Fariña a través das súas fotos, bordados ou pezas cerámicas
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da mostra que pode verse desde hoxe e ata o 10 de setembro no primeiro andar do museo
Subliña que se enmarca na liña de traballo da Xunta por revisar a obra de artistas galegos de media carreira na programación expositiva do museo
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no CGAC na presentación da exposición Pisando Charcos de Almudena Fernández Fariña, coa que a Xunta continúa o seu traballo de divulgación e impulso da obra de artistas galegos de media carreira con distintas exposicións no CGAC. Un traballo que, indicou, iniciouse no 2016 con Berta Cáccamo e continuou coas mostras dedicadas a Álvaro Negro, Nicolás Combarro, Loreto Martínez Troncoso e Suso Fandiño. “Ampliamos hoxe esta listaxe de artistas galegos cunha mostra indispensable para coñecer a prolífica e versátil traxectoria artística desta artista”, expresou.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que se trata dunha exposición concibida como unha sucesión de diálogos entre a artista viguesa e algúns dos seus referentes. “Invítanos a facer un percorrido polo seu traballo, descubrir novos significados e sentirnos partícipes, como espectadores, da súa creación”, indicou. Recordou, ademais, a pertinencia desta mostra xusto no ano no que o CGAC conmemora o seu 30 aniversario, “o que nos permite facer tamén un repaso da arte galega destas tres décadas”.
Comisariada por Susana Cendán, a exposición está composta por fotografías, bordados, pezas cerámicas ou libros-obxecto. Repasa tamén a importancia que a artista lle outorga ao contexto e relación co lugar, algo evidente en varios dos seus proxectos que teñen en conta os distintos aspectos físicos e topográficos, formais, simbólicos, históricos, económicos e sociais que definen os espazos sobre nos que Almudena Fernández Fariña intervén. Estes proxectos foron recollidos nun vídeo documental que se proxecta nunha das salas.
A exposición completarase cunha intervención pictórica que se instalará en xullo no vestíbulo do CGAC. Un diálogo entre o minimalismo do espazo do CGAC ideado por Álvaro Siza e o barroquismo do convento de San Domingos de Bonaval. Partindo dunha folla de acanto esculpida na fachada do convento, a artista descontextualiza, sintetiza, repite e expande o motivo e dótao dun papel ornamental que explora a dimensión explicitamente decorativa da pintura.
Anxo M. Lorenzo animou a visitar a mostra, que estará aberta ata o 10 de setembro, para coñecer así a proposta artística de Almudena Fernández Fariña, viguesa e docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa obra está representada en coleccións públicas e privadas e foi recoñecida con numerosos premios e bolsas entre os que destaca.