Nova: O mercado Galicia Escena PRO pecha a súa 10ª edición con máis de 500 reunións profesionais cara á contratación de espectáculos galegos

02/06/2023

O mercado Galicia Escena PRO pecha a súa 10ª edición con máis de 500 reunións profesionais cara á contratación de espectáculos galegos

Máis de 180 profesionais das artes escénicas galegas e do resto da Península déronse cita esta semana en Santiago para participar no encontro promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación Escena Galega
 

Os 19 espectáculos e os dous concertos programados sumaron preto de 2700 espectadores entre axentes culturais acreditados e público xeral, que puido asistir ás actuacións de xeito gratuíto
 

A feira acada un novo acordo de intercambio co festival Dansa València, ademais de renovar o que mantén desde hai anos coa mostra MADferia de Madrid
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023 Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación profesional Escena Galega, superou este ano o medio millar de xuntanzas concertadas entre os máis de 180 profesionais acreditados co fin de dinamizar a contratación de espectáculos galegos.

Este é o obxectivo prioritario da feira, que pechou onte as portas da súa 10ª edición en Santiago de Compostela despois de catro días de actividade, durante os que tamén houbo lugar para a exhibición de 19 espectáculos de teatro, danza e circo, a presentación de 12 novos proxectos en formato pitching, dous concertos e dúas mesas redondas sobre mediación cultural e sobre as especificidades da programación de danza e circo.
 
Máis de 100 compañías galegas e empresas de produción e distribución de teatro, danza e circo contaron con representantes neste encontro, no que tiveron a oportunidade de contactar cos responsables de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de Galicia e do resto da Península Ibérica. Entre eles, o festival Dansa Valéncia, co que se acadou un acordo de intercambio para 2024, e MADferia de Madrid, coa que se acaba de renovar a colaboración grazas á que Inconstantes Teatro actuou o pasado mércores en Galicia Escena PRO, mentres que a formación galega de danza Colectivo Glovo estará o vindeiro día 16 na mostra madrileña.
 
Como en anos anteriores, a carteleira de espectáculos desta décima edición abriuse tamén ao público xeral, sumando preto de 2700 espectadores xunto cos asistentes acreditados.

Comparte