Nova: A Feira do libro chega a Vilalba con cinco librarías e preto de medio cento de autores ata o domingo

02/06/2023

A Feira do libro chega a Vilalba con cinco librarías e preto de medio cento de autores ata o domingo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da quinta cita da Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Xunta

Durante toda a fin de semana están previstas 20 sinaturas de exemplares, cinco presentacións de novidades e numerosas iniciativas lúdicas para todos os públicos
 

Vilalba (Lugo), 2 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Vilalba, quinta parada do circuíto que este ano chegará a 14 localidades galegas froito da colaboración da Federación de Librarías de Galicia e a Xunta de Galicia. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia desta cita “para seguir promovendo a lectura nos distintos concellos galegos, contribuír a impulsar o labor dos libreiros e divulgar o bo momento de creación literaria que vive Galicia”. Alí animou a participar durante toda esta fin de semana nas actividades previstas.

A Feira do Libro de Vilalba, que abre hoxe co pregón da vilalbesa Miriam Fernández Otero na praza da Constitución, reunirá ata o domingo case 40 autores, con actividades como sinaturas de libros, presentacións ou obradoiros. En concreto, están previstas 20 sinaturas, 10 actividades, das que catro serán para o público máis novo con obras de teatro e contacontos. Consta de sete expositores coa presenza de dúas casetas institucionais e cinco librarías (Pergamino, Andel, Cortizas, Pedreira, Carlin Vilalba).

A feira chega a esta localidade lucense tras o seu paso pola cidade de Lugo. O calendario continuará ata agosto de xeito que, tras Vilalba, a vindeira cita será en Ourense (do 7 ao 10 de xuño), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto continuará na Coruña (do 1 ao 10), e volverá á provincia de Lugo, en concreto, a Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

Comparte