Nova: A Xunta e o Teatro Real colaborarán para fomentar as vocacións artísticas nos centros educativos
03/06/2023
A Xunta e o Teatro Real colaborarán para fomentar as vocacións artísticas nos centros educativos
Abren a convocatoria do proxecto ‘A ópera, un vehículo de aprendizaxe’, no que poderán participan 13 colexios e institutos de toda Galicia
O alumnado vivirá a experiencia de ser membro dunha compañía de ópera e representar a súa propia produción operística
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023 A Xunta e a Fundación Teatro Real colaborarán en centros educativos, a través do proxecto A ópera, un vehículo de aprendizaxe, para vincular o ensino coas vocacións artísticas e a música. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica a convocatoria deste proxecto, no que poderán participar 13 colexios e institutos de toda Galicia. Deste xeito amplíase a todo o territorio da Comunidade Autónoma unha iniciativa que xa se desenvolveu como experiencia piloto nalgúns centros da Coruña e Ferrol.
A través desta colaboración o alumnado vivirá a experiencia de ser membro dunha compañía de ópera que traballará ao longo de todo o curso escolar 2023/24 co obxectivo de representar finalmente a súa propia produción operística. Deste xeito, foméntase a creación de proxectos artísticos nas aulas, potenciando a confianza, emoción, respecto, liberdade e o emprendemento entre alumnado e profesorado.
Ademais, o carácter transversal do proxecto posibilita desenvolver aspectos do currículo que implican a diversas áreas como a expresión oral e escrita, a estrutura do xénero dramático, a importancia dos elementos escénicos (música, decorados, iluminación…), a linguaxe musical e plástica ou a expresión corporal, entre outros. De xeito paralelo, favorécese o desenvolvemento profesional do persoal docente en base ao Modelo de Competencias Profesionais Docentes 2023.
Poderán participar neste programa os centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e FP Básica. Os interesados deberán inscribirse ata o 9 de xuño na aplicación informática de Formación do Profesorado.
Tres fases
O proxecto desenvolverase en tres fases, a primeira delas de formación inicial destinada ao profesorado. Consistirá nun curso intensivo de 64 horas, que se certificará como formación do profesorado, que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 14 ao 21 de xullo. Será impartido por profesionais do Teatro Real e ten como obxectivo principal dar a coñecer aos docentes os procedementos e estratexias metodolóxicas necesarios para levar a cabo o proxecto na aula.
Achegarase formación e asesoramento, entre outros aspectos, sobre a planificación relativa á implantación do proxecto no centro (ensaios, posta en escena, estrea...), as diversas profesións que compoñen unha compañía de teatro e a interdependencia entre elas, así como arredor dos elementos do libreto (tema, tese, personaxes e estrutura dramática).
A segunda fase será a de desenvolvemento do proxecto, para o que contarán co asesoramento e formación proporcionados pola Rede de Formación Permanente do Profesorado, mentres que a terceira fase consistirá na posta en escena da produción operística ante os membros da comunidade escolar.
A ópera, un vehículo de aprendizaxe é un proxecto do Teatro Real que conta con máis de 16 anos de experiencia e coa participación de 18.000 alumnos procedentes de centros de Primaria, Secundaria, Educación Especial e doutros colectivos sociais.