Nova: A Xunta incrementa un 12% o seu apoio a Fegatea para impulsar o teatro afeccionado en Galicia
09/06/2023
A Xunta incrementa un 12% o seu apoio a Fegatea para impulsar o teatro afeccionado en Galicia
Preténdese espallar 80 funcións polo territorio galego nun circuíto con 5.000 espectadores para promover a mobilidade destes grupos de teatro
Con esta colaboración o Goberno autonómico tamén apoiará o Festival Agustín Magán que se celebrará a finais deste ano
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de asinar un convenio coa presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Chelo Pampillón, co que o Goberno autonómico incrementa un 12% a súa colaboración para impulsar a actividade do teatro afeccionado por todo o territorio galego.
Como expresou o titular de Cultura da Xunta, a colaboración supón unha achega de 45.000 euros para apoiar o circuíto teatral que promove FEGATEA en distintos concellos galegos cunha programación de polo menos catro funcións por sede. Serán un total de 80 representacións e un público estimado de 5.000 espectadores. “A intención é continuar espallando a cultura por todos os recunchos de Galicia e seguir fomentando a actividade do teatro afeccionado asegurando a súa viabilidade”, sinalou o conselleiro.
O circuíto inventiva a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro, xa que os participantes non poderán actuar na cidade na que radica o seu domicilio social. A intención é que esta actividade supoña o desprazamento dunhas 800 persoas vinculadas a estes grupos teatrais, o que derivará nun fluxo económico nos concellos nos que se representen as funcións.
Plan Xeración Cultura
Ademais da posta en marcha deste circuíto, a colaboración asinada hoxe supón tamén renovar o apoio que a Xunta de Galicia fai cada ano ao Festival Agustín Magán, que celebrará a súa XXII edición a finais deste ano. Reunirá o máis destacado da produción galega de teatro afeccionado en distintos espectáculos que se celebrarán en Santiago de Compostela.
A colaboración con FEGATEA alíñase cos obxectivos do Plan Xeración Cultura que, con 34M€ este ano, inclúe unha batería de medidas para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego. En concreto, enmárcase no primeiro dos eixos de actuación, centrado en garantir o acceso universal á cultura a través de distintas iniciativas que inclúen a diversificación da actividade nos contornos rurais e urbanos. O resto de eixos afondan en impulsar o talento, innovación, dixitalización e modernización, preservar o legado cultural e traballar na proxección exterior e na formación.