Nova: A exposición O primeiro Picasso leva recibidas máis de 30.000 visitas
08/04/2015
A exposición O primeiro Picasso leva recibidas máis de 30.000 visitas
Presentouse o catálogo da mostra, que aborda de xeito exclusivo por vez primeira a etapa galega do pintor
A Coruña, 8 de abril de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentaron esta mañá o catálogo da exposición ‘O primeiro Picasso. A Coruña 2015’, que xa foi visitada desde a súa inauguración, o pasado 19 de febreiro, por 30.056 persoas e que permanecerá no Museo de Belas Artes da Coruña ata o vindeiro 24 de maio.
O secretario xeral de Cultura afirmou que, cando se clausure a mostra, -que aborda de xeito exclusivo, por vez primeira, a etapa coruñesa do pintor-, “o seu catálogo nos permitirá conservar a memoria deste destacado proxecto expositivo, así como tamén acceder á reflexión científica que conteñen as súas páxinas, de diversa autoría”.
“Esta valiosa publicación ábrenos as portas para afondar na traxectoria vital e creativa dunha das figuras máis relevantes da historia universal da arte”, asegurou Anxo Lorenzo durante a presentación, na que tamén participou Manuel Mosquera en representación do museo. Ademais, referiuse ao interese do catálogo para favorecer o intercambio cultural con centros museísticos tanto do resto do Estado español como do exterior, así como cos prestamistas das obras que conforman a exposición.
Neste sentido, recordou que, de xeito habitual, o Museo de Belas Artes da Coruña, de titularidade estatal e xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén realizando un intercambio de publicacións sobre as súas exposicións con máis de 80 museos de España e do estranxeiro, “o que nos permite dar a coñecer en todo o mundo o traballo realizado polos nosos centros museísticos”.
Un catálogo con destacadas contribucións
Xunto coas achegas da comisaria da exposición, Malén Gual, e da directora do museo, Ángeles Penas, a publicación inclúe unha contextualización histórica a través da que Xosé Ramón Barreiro se aproxima á cidade herculina na que Picasso viviu entre os anos 1891 e 1895. Os debuxos de Picasso na Escola de Belas da Coruña centran a contribución de Elena Pardo, que, xunto con Rubén Ventureira, fai un percorrido polo bestiario predilecto do pintor, con especial paixón pola tauromaquia, as pombas e os cabalos.
Rubén Ventureira recupera para o catálogo as colaboracións ilustradas de Picasso en xornais e revistas da época, mentres que Antón Castro ofrece unha imaxe do costumismo e do paisaxismo que o mozo Pablo Ruiz aborda nas súas primeiras escenas populares, como representación da Galicia marítima e rural do seu tempo.
Rafael Inglada afonda nos cadernos de Picasso nos que se albiscan debuxos que incorporará posteriormente á súa produción artística, mentres que Eduard Vallés se centra no seu artigo nos comezos do pintor malagueño como retratista. Tamén inclúe o catálogo o traballo de Marilyn McCully sobre os modelos picassianos, dos que destacan “A rapaza dos pés descalzos”, “O home da gorra” ou o retrato de seu pai realizado na Coruña.
Outra das colaboracións coas que conta o catálogo é a de César Antonio Molina, que analiza a pegada cultural que no pintor deixou A Coruña, unha cidade á que non regresará, malia que manterá contacto e amizade con artistas e escritores galegos como Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Camilo José Cela.
A etapa galega do pintor, en máis de 200 pezas
No marco do período que o pintor pasou na cidade herculina, entre 1891 e 1895, a mostra reúne máis de 200 pezas –81 delas do propio Picasso– que xiran a redor de catro grandes eixos artísticos: a súa obra na Coruña, a obra posterior ao seu paso pola cidade pero que garda relación co período galego, a obra doutros pintores galegos contemporáneos á estancia do artista na cidade e material diverso do século XIX vinculado coa obra realizada polo artista malagueño en Galicia.
Baixo unha estrutura cronolóxica, a exposición aborda 11 núcleos temáticos como son o contexto histórico, a formación académica, o bestiario (animais como pombas ou touros, elementos simbólicos recorrentes que se converterán en icónicos na súa obra), xornais e caricaturas, cadernos, paisaxes, costumismo, familia, retratos, morriña e fotografías.
A exposición, que se presenta como un dos eventos máis destacados da axenda cultural de Galicia en 2015 e tamén como unha iniciativa destacada a nivel estatal, está promovida polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, xunto coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.