Nova: Román Rodríguez salienta a importante contribución da Lei de normalización lingüística para garantir avances no uso do galego nos últimos 40 anos

14/06/2023

Román Rodríguez salienta a importante contribución da Lei de normalización lingüística para garantir avances no uso do galego nos últimos 40 anos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa no Parlamento de Galicia na apertura da exposición conmemorativa do aniversario da Lei

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, referiuse hoxe aos avances que a Lei de Normalización Lingüística de Galicia supuxeron para garantir que, 40 anos despois, “a lingua galega estea presente en todos os ámbitos”.

 

O titular de Cultura da Xunta fixo estas declaracións durante o acto de apertura da exposición A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983-2023) que organiza o Parlamento de Galicia co gallo do aniversario da posta en marcha desta lei.

 

“Fomos pioneiros na elaboración dunha folla de ruta transversal que tiña unha visión de futuro e que posibilitou que Galicia avanzara de xeito firme e continuado”, engadiu ao tempo que recordou as posibilidades de futuro que se abren agora en ámbitos como o tecnolóxico. “Nestes 40 anos apareceron novas realidades ás que o galego se tivo que adaptar e estamos preparados con iniciativas como o Proxecto Nós, que é xa unha realidade e co que estamos garantindo que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo”, afirmou.

Comparte