Nova: Román Rodríguez destaca que a Xunta está comprometida co legado de Lugrís con iniciativas que “están a garantir a súa protección e divulgación”
14/06/2023
Román Rodríguez destaca que a Xunta está comprometida co legado de Lugrís con iniciativas que “están a garantir a súa protección e divulgación”
“Somos a administración máis activa na defensa da obra do artista e seguimos dispostos a prestar a toda colaboración técnica que sexa precisa”, expresa
Refírese á futura sala de Lugrís que se abrirá no Museo Massó, á recuperación para patrimonio público dun mural exposto no Museo Gaiás ou á declaración BIC en 2017 do mural Vista da Coruña 1969 como algunhas das medidas postas en marcha
Recorda que os murais da rúa Olmos da Coruña están protexidos desde fai case 10 anos xa que, a iniciativa da Xunta, se incluíu na reforma do Plan Especial da Coruña
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou hoxe que a Xunta é “a administración máis activa” coa conservación e posta en valor da obra artística de Lugrís, como así o demostran as “numerosas iniciativas”, algunha delas en marcha, que veñen garantindo a súa protección, conservación e divulgación.
Así o manifestou hoxe no Parlamento de Galicia, onde respondeu unha pregunta sobre este asunto. O titular de Cultura da Xunta referiuse, en concreto, ao investimento de máis de 1,2M€ que se está a realizar para a ampliación do Museo Massó onde se vai crear unha sala de exposicións dedicada ao artista. “Integrarase na exposición permanente e permitirá abrir ao público pinturas que actualmente non son accesibles e realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira”, explicou.
Tamén recordou que a Xunta vén de recuperar para o patrimonio público o mural Translación do corpo do Apóstolo a Santiago que se exhibe desde febreiro na entrada do Museo Gaiás ou a declaración, en 2017, como Ben de Interese Cultural do mural titulado Vista da Coruña 1969 que é “un dos traballos máis representativos do autor”.
Rúa Olmos da Coruña
Trátase dun compromiso que, como indicou, se estende tamén ao que a Xunta ten cos murais de Lugrís situados no número 25 da rúa Olmos da Coruña “protexido xa desde hai case 10 anos a iniciativa do Goberno autonómico”. Román Rodríguez explicou que no ano 2014 os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia foron os que indicaron que este conxunto debía ser incluído na reforma do Plan Especial da cidade da Coruña como condición para que este se aprobara. “Así é como estes murais están protexidos e incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia a través do Plan Especial, unha protección que se ve complementada e ampliada pola dos bens inmobles nos que se atopan”, expresou.
Román Rodríguez explicou que o titular dos bens é sempre o responsable de conservalo e custodialo e, por estar incluídos no Plan Especial, é o Concello da Coruña o que ten as competencias para autorizar as intervencións de conservación. Recordou que, a través dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, estase en contacto co Concello para colaborar nos aspectos que sexan necesarios.
En canto á declaración BIC destes murais, explicou que a Xunta é coñecedora de que o Concello da Coruña está elaborando, mediante expertos, a documentación necesaria para solicitalo. Como establece a Lei de Patrimonio Cultural, os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta estudarán as solicitudes e analizarán se este ben reúne as características excepcionais e sobranceiras para ser declarado BIC, un aspecto que, polo de agora, coa documentación recibida por parte dun particular non se acreditou.