Nova: Anxo M. Lorenzo anima á cidadanía a mercar libros na apertura da Feira do Libro de Redondela

15/06/2023

Anxo M. Lorenzo anima á cidadanía a mercar libros na apertura da Feira do Libro de Redondela

O director xeral de Cultura participa na inauguración da sétima parada do circuito impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

Ata o domingo están previstas unha trintena de actividades entre presentacións de obras, sinatura de libros ou propostas para o público infantil

Redondela (Pontevedra), 15 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Redondela, sétima parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia que este ano percorre 15 localidades ata o mes de agosto.

No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades enviou unha mensaxe á cidadanía para animala a mercar libros e continuar gozando do hábito da lectura. “O sector do libro é, sen dúbida, un dos piares da nosa cultura e por iso, sexa cal sexa a motivación, animo a todo o mundo a que aposte por achegarse a esta feira para mercar novos exemplares”, salientou.

Neste senso, explicou que para reforzar a dimensión do sector editorial e fomentar o hábito lector desde todas as perspectivas, a Feira do Libro de Redondela acolle unha trintena de actividades. “Grazas a implicación de autores, profesionais do sector e librarías esta cita conta cun programa de actividades para todos os públicos”, engadiu.

Calendario ata agosto

A Feira do Libro de Redondela sitúase na Alameda ata o domingo coa participación de media decena de librarías. Ata entón están previstas unha vintena de sinaturas de libros, seis presentacións e media decena de actuacións musicais, recitais e actividades infantís.

Tras o seu paso por Redondela, o calendario continuará ata agosto con paradas en Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo), Rianxo (do 22 ao 25 de xullo), A Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

 

Comparte