Nova: A Xunta achégalle ao sector das artes escénicas as claves da nova aceleradora cultural dotada con máis de 330.000 € en axudas
20/06/2023
A Xunta achégalle ao sector das artes escénicas as claves da nova aceleradora cultural dotada con máis de 330.000 € en axudas
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023 Máis de 40 profesionais das artes escénicas galegas conectáronse esta mañá ao webinario organizado pola Xunta para lles achegar as claves da nova liña de subvencións para a aceleración cultural neste ámbito, a través da que se investirán 336.000 euros en proxectos que melloren as súas habilidades emprendedoras e financeiras. O obxectivo é favorecer o crecemento do tecido empresarial e profesional do sector, a súa transformación dixital e a incorporación de novas tecnoloxías, as interconexións entre as industrias culturais e con outros sectores económicos, así como o acceso ao financiamento.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu nesta sesión xunto a parte do seu equipo para afondar nas diferentes accións e investimentos subvencionables a través destas axudas, financiadas cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro día 29 de xuño para pemes, microempresas ou persoas traballadoras autónomas que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia.