Nova: A Xunta súmase á celebración do Día da Música con Blanco Palamera, Néboa, Marián e Rhome no festival Acento da SGAE
20/06/2023
A Xunta súmase á celebración do Día da Música con Blanco Palamera, Néboa, Marián e Rhome no festival Acento da SGAE
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da cuarta edición do festival Acento, no que a Xunta de Galicia e a Fundación SGAE colaboran para ofrecer un concerto conxunto de artistas galegos con motivo da celebración mañá do Día Europeo da Música e poñer en valor a variada panorámica da nosa escena musical.
A partir das 19,30 h. e con acceso de balde, o atrio da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela, será o escenario no que soarán os traballos de dous valores emerxentes: Marián, premiada no certame da Xunta Xuventude Crea, e Rhome, cun proxecto titorizado por Iván Ferreiro. A continuación, será a quenda do quinteto galego-portugués Néboa e a súa proposta que vai desde o pop de autor á electrónica alternativa. Pechará a sesión o novo pop do dúo compostelán Blanco Palamera, cunha selección de temas do seu repertorio e do seu segundo e último disco Intimidade. A cita súmase a outro recital que tamén terá lugar mañá na cidade: o de Helena Egea ás 21,00 horas desde o balcón do Salón Teatro no marco do ciclo Mércores de varanda e como parte da actividade da aceleradora musical Sonemerxente da Xunta e a Fundación Paideia.