Nova: A Xunta afianza a internalización do Centro Dramático Galego con ‘Ifixenia’, montaxe do proxecto europeo Nós/Nous que chega ao Salón Teatro

23/06/2023

A Xunta afianza a internalización do Centro Dramático Galego con ‘Ifixenia’, montaxe do proxecto europeo Nós/Nous que chega ao Salón Teatro

A sede da unidade teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acolle dúas funcións gratuítas mañá sábado ás 20,00 h. e o domingo ás 19,00 h.

Os dous pases, de capacidade reducida ao situar o público no escenario, son multilingües ao contar con intérpretes galegos, lusos e franceses no elenco

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023 O Salón Teatro recibe esta fin de semana Ifixenia, un espectáculo que o Centro Dramático Galego coproduce xunto a outras compañías institucionais e centros de ensino teatral superior de Galicia, Francia e Portugal. A peza, escrita polo dramaturgo luso Tiago Rodrigues, actual director do Festival de Aviñón, enmárcase dentro do Proxecto Nós/Nous, iniciativa europea que ten como obxectivo promover a práctica teatral e o intercambio exterior de estudantes de Arte Dramática no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidas do sector.

A Xunta afianza así o marco de actuación internacional da súa unidade de produción teatral, ao tempo que estimula a profesionalización do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que -xunto á Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, a Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa e a École Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre de Lyon- é un dos catro centros de ensino participantes neste proxecto, financiado polo programa europeo Erasmus+K2.   

Acceso gratuíto

O Salón Teatro acollerá dúas representacións deste espectáculo, que aglutina o traballo de 16 estudantes galegos, portugueses e franceses. A primeira función celebrarase mañá ás 20,00 horas e a segunda, o domingo ás 19,00 h. O acceso a ambos pases será gratuíto previa retirada das localidades no despacho de billetes do número 34 da compostelá rúa Nova. A capacidade será reducida, xa que o público se situará no escenario como parte do xogo escénico da peza.

O escenario do Centro Dramático Galego será a segunda parada da xira de Ifixenia, montaxe que xa visitou o Célestins Théatre de Lyon a semana pasada e viaxará ao Teatro Nacional D. María II de Lisboa a final de mes, antes de concluír o seu período de  exhibición no Teatro Nacional São João de Porto. Estas tres compañías públicas, xunto ao Centro Dramático Galego, conforman o cuarteto de institucións teatrais implicadas no Proxecto Nós/Nous.

Presenza galega

A actriz, directora e pedagoga arxentina Claudia Stavisky encárgase da dirección de Ifixenia, montaxeque reúne no equipo artístico os 16 alumnos dos devanditos centros de ensino artístico. Procedentes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia participan Bañera (Iria Aboal Díaz), quen se encarga das tarefas de dramaturxia; Daniel Rodríguez Iglesias, ao cargo da iluminación, e Laura García Recarey e Lúa Pagán, actrices que forman parte do elenco.

Xuntos poñen en pé un texto de Tiago Rodrigues no que se desenvolve unha sorte de arqueoloxía da memoria ao confrontar, dende o colectivo, a obra de Eurípides. O xogo escénico propón imaxinar unha taberna onde se reúnen para beber e comer mozos de hoxe en día chamados Orestes, Electra e Ifixenia, aínda que ningún lembra a orixe dos seus nomes. Ata que algo acontece ou alguén xorde para obrigalos a recuperar memorias.

 

Comparte