Nova: A Feira do Libro programa en Vigo máis dun centenar de actividades con profesionais do sector editorial

23/06/2023

A Feira do Libro programa en Vigo máis dun centenar de actividades con profesionais do sector editorial

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da oitava parada do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

Estará ata o xoves día 29 na Peonil do Calvario con propostas para o público infantil e iniciativas como presentacións de obras, sinaturas de libros ou recitais poéticos

Vigo, 23 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Vigo na apertura da Feira do Libro, oitava parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia que ata o mes de agosto percorre 15 localidades galegas.

Durante a apertura, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse a parada de Vigo como unha das “máis importantes do circuíto” na que se pon de manifesto “o potencial creativo, intelectual e literario” que ten esta cidade. “A historia e identidade da cidade de Vigo non se pode entender sen a contribución de autores como Xulio Verne, Eduardo Blanco Amor, Xela Arias ou Domingo Villar, referentes, todos eles, no mundo da cultura”, salientou.

Neste senso, animou á cidadanía para aproveitar “as moitas oportunidades de interese cultural que brinda esta cita con case 50 anos de historia” e gozar do hábito lector ao tempo se apoia o traballo de autores, profesionais do sector e libarías. 

Calendario ata agosto         

A Feira do Libro de Vigo está instalada na Peonil do Calvario cun amplo abano de actividades no que se inclúen máis dun centenar de propostas para todos os públicos. Así, ata o vindeiro xoves 29 están previstas iniciativas como presentacións de obras, sinaturas de libros, recitais poéticos, encontros con profesionais do sector ou espectáculos infantís.

Tras o seu paso por Vigo, o calendario continuará ata agosto con paradas en Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo), Rianxo (do 22 ao 25 de xullo), A Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

Comparte