Nova: A Xunta licita por máis de 300.000€ a restauración da Igrexa de Santa María de Sacos en Cerdedo-Cotobade

23/06/2023

A Xunta licita por máis de 300.000€ a restauración da Igrexa de Santa María de Sacos en Cerdedo-Cotobade

O obxectivo da actuación, cun prazo de seis meses, é corrixir alteracións e resolver as patoloxías producidas polas inclemencias meteorolóxicas o paso do tempo

 

Santiago de Compostela, 23 de xuño do 2023 A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación a restauración da igrexa de Santa María de Sacos no concello de Cerdedo-Cotobade cun investimento de máis de 350.000€. O inicio do proceso administrativo desta obra xa está publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

O obxectivo da actuación é corrixir as alteracións producidas por unhas intervencións que se levaron a cabo na segunda metade do século XX e que provocaron patoloxías, así como resolver as producidas polas inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo. Neste senso, o que se pretende é evitar a entrada de auga pola cuberta e o exceso de humidade na base dos paramentos interiores; eliminar a presencia de sales e de condensación nos paramentos interiores; mellorar o estado da estrutura de madeira da cuberta, e eliminar a tribuna de formigón que supón unha forte agresión á arquitectura do templo.

Para iso, o proxecto inclúe tarefas de limpeza, labores de restauración no interior e a renovación da estrutura de madeira e da cuberta cambiando a actual tella plana por unha curva ao tempo que se incorpora un novo sistema de illamento térmico sobre a bóveda e se impermeabilizan os encontros da cuberta. Ademais, o proxecto inclúe tamén un drenaxe perimetral para diminuir a humidade e a substitución dos morteiros de cemento, das actuais portas exteriores e das carpinterías de aluminio por outras con ventilación permanente.

Por último, prevese a demolición da actual tribuna de formigón para poñer unha de menores dimensións de madeira de castiñeiro e a modificación da actual saída á espanada por unha que impida a entrada de auga.

Para levar a cabo estes traballos a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Arquidiocese de Santiago para poñer a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación.

Comparte