Nova: A Xunta convoca as axudas de 200.000 € de apoio ás editoriais para tarefas de tradución literaria

25/06/2023

A Xunta convoca as axudas de 200.000 € de apoio ás editoriais para tarefas de tradución literaria

No marco do Plan de impulso do libro galego, favorécese que as obras galegas se editen noutras linguas, impulsando así a proxección internacional da nosa cultura

Tamén se fomenta a publicación en galego de obras escritas noutros idiomas

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2023 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar a nova convocatoria de axudas para o sector editorial coas que a Xunta apoia os traballos de tradución. Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) destínanse 200.000 euros a esta convocatoria que favorece que as obras galegas se editen noutras linguas ao tempo que se fomenta a tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas.

As axudas, que forman parte do Plan de impulso do libro galego, teñen como obxectivo apoiar que as empresas editorias galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción ao tempo que se favorece que os galegos poidan acceder en lingua galega a títulos significativos producidos noutras linguas. Son de concorrencia competitiva e sufragan os custos de tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital e o importe máximo por obra será de 6.000 euros.

Ata o 24 de xullo

Están dirixidas a persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e, entre os requisitos, os solicitantes deben saber que só se subvencionará a tradución dun mesmo título e cada empresa poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 obras. Ademais, serán obxecto de subvención as obras para unha primeira tradución ou para aquelas das que teñan pasado máis de 20 anos desde a última tradución.

Entre os criterios de valoración para a concesión figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego ou non, a traxectoria profesional do tradutor ou a extensión da tradución e as características da mesma (se se trata doutras linguas ao galego, viceversa e se son obras dun autor clásico ou non), entre outras.

 

Comparte