Nova: O mosteiro de San Xoán de Camba de Castro Caldelas será obxecto desde mañá dunha campaña de sondaxes arqueolóxicas para coñecer as súas orixes
28/06/2023
O mosteiro de San Xoán de Camba de Castro Caldelas será obxecto desde mañá dunha campaña de sondaxes arqueolóxicas para coñecer as súas orixes
Os traballos son financiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto coa Diocese de Ourense e o Concello desta vila ourensá
As actuacións, que permitirán saber máis sobre a evolución histórica do monumento, estenderanse catro meses nunha superficie de 48 m2
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023
O antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas acollerá a partir de mañá unha nova campaña de sondaxes arqueolóxicas impulsada pola Xunta, en colaboración coa Diocese de Ourense e o Concello desta vila ourensá. Ao abeiro destas actuacións realizaranse, traballos en distintos puntos do exterior da igrexa para coñecer, estudar e analizar algúns aspectos da historia e orixes deste monumento.
En concreto, faranse cinco sondaxes arqueolóxicas manuais valorativas nunha superficie total de 48 m2 nunha zona preto da cabeceira leste da igrexa e na área das dependencias monásticas, onde se sitúa unha posible torre medieval. Tamén se actuará noutra área na que existen restos da conexión entre a igrexa e o antigo mosteiro, así como na zona preto do cemiterio.
Realizarase unha diagnose do estado de conservación dos restos arqueolóxicos que poidan aparecer e procederase a un levantamento topográfico xeorreferenciado, con fotogrametría 3D das áreas de intervención. Está previsto efectuar, ademais, unha documentación exhaustiva fotográfica da escavación, incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do sitio histórico e de detalle das áreas de actuación. Unha vez rematados os traballos -para os que se estima unha duración de catro meses- haberá unhas xornadas de divulgación entre a comunidade local dos traballos que se leven a cabo e sobre os valores propios do lugar, incluíndo visitas guiadas.
Do século X
Estes traballos permitirán coñecer máis das orixes do antigo mosteiro de San Xoán de Camba, que ten a condición de ben catalogado e foi durante moito tempo unha importante abadía e real mosteiro, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación data do século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción só se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrománico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.
A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona na actualidade como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga na que apareceron varios sepulcros antropoides e moedas romanas do século IV d.C., o que reflicte os séculos de historia deste lugar.
Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas e que no ano 2022 foron obxecto dunha intensa limpeza, roza e documentación, ademais de proceder ao seu peche perimetral para a súa protección. Trátase dunha actuación que tamén fora promovida pola Consellería de Cultura e que fai que nestes dous últimos anos o Goberno autonómico investise preto de 30.000 € para a súa posta en valor.