Nova: A Xunta apoiará a celebración do Día da Ilustración 2024 que homenaxeará a Chichi Campos
10/07/2023
A Xunta apoiará a celebración do Día da Ilustración 2024 que homenaxeará a Chichi Campos
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reúnese coa presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, para planificar a efeméride
Está previsto organizar nunha mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia e outra itinerante polas escolas de ensinanzas artísticas, xunto con charlas e obradoiros
Á hora de seleccionar ao autor homenaxeado tívose en conta o seu carácter polifacético e por ser unha figura pioneira na banda deseñada galega
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse coa presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, para comezar a coordinar as actividades do Día da Ilustración 2024, que homenaxeará a Xesús Campos, coñecido como Chichi Campos.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou na reunión -na que tamén participaron directivos da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo- que a Xunta de Galicia traballará na posta en marcha dunha exposición que poderá verse na Biblioteca de Galicia e que contará con fondos propios das coleccións e legados do propio centro.
Tamén se acordou coas escolas de ensinanzas artísticas a realización dunha mostra itinerante polos tres centros. Ademais, encargarase a un profesional da ilustración o cartel conmemorativo e porase en marcha unha páxina web que visibilice a figura e obra de Chichi Campos. Pola súa banda, desde a Asociación coordinarán unha serie de charlas-obradoiro en cada un dos centros de formación artística.
Figura pioneira e mestre do humor gráfico
Á hora de seleccionar ao autor, a Asociación tivo en conta o “carácter pioneiro” da súa figura no eido da banda deseñada. Tamén está considerado como “mestre do humor gráfico”. Nacido en Tenerife en 1952 e finado en Santiago de Compostela en 1991, foi un autor polifacético, debuxante, humorista, guionista de programas de televisión e profesional da xestión cultural.
O Día da Ilustración conmemórase cada 30 de xaneiro en Galicia desde o ano 2013, cando se incluíu no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia e, desde o ano 2017, a Xunta impulsa xunto á Asociación Galega de Profesionais da Ilustración o recoñecemento dun autor relevante. Deste xeito, Chichi Campos súmase á lista de homenaxeados nos últimos anos, entre os que estiveron, Castelo, María Antonia Dans, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernandes Mazas ou Lolita Díaz Baliño.