Nova: A Xunta destaca o potencial dos espazos de lecer para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega
12/07/2023
A Xunta destaca o potencial dos espazos de lecer para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega
O secretario xeral de Política Lingüística participa na inauguración da XVI edición do curso de verán de dinamización lingüística ‘Traballando en lingua’
Desenvólvese no Fórum Carballo hoxe e mañá e céntrase no fomento do uso da lingua a través do ocio coa participación de medio cento de persoas
Carballo (A Coruña), 12 de xullo de 2023
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na inauguración da XVI edición do curso de verán sobre dinamización lingüística Traballando en lingua, impulsado cada ano pola Universidade da Coruña (UDC) co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo.
No acto de benvida, que tivo lugar no Fórum Carballo, onde se desenvolve o programa completo, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que a Rede de Dinamización Lingüística “sempre tivo claro o potencial dos espazos de lecer para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega”. “Temos unha ampla experiencia en levar propostas dinamizadoras para o tempo libre á infancia e á mocidade de todos os recunchos de Galicia”, sinalou Valentín García.
Canda Valentín García tamén participaron nesta apertura oficial Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Carlos Aymerich, secretario xeral da Universidade da Coruña, e Marisol Ríos, técnica coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.
Relatorios e obradoiros prácticos
O curso, que se desenvolve ao longo de todo o día de hoxe e de mañá, está centrado nesta edición no fomento do uso da lingua galega a través do lecer e nas ferramentas para transmitila en diversos ámbitos e utilizala na mellora do seu proceso de normalización. En total, medio cento de persoas asiste ás sesións de relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros prácticos para promover o uso da lingua co obxectivo de analizar e deseñar estratexias e accións para poñer en valor e incrementar o uso e a visibilización do galego en actividades de lecer como o deporte, os pasatempos, os xogos ou as novas tecnoloxías.
Como cada ano, este curso está orientado fundamentalmente a persoas interesadas no proceso de normalización da lingua galega como persoal técnico de normalización lingüística e dinamizador sociocultural, docentes, estudantes, intérpretes e persoal tradutor, pero tamén a calquera outra persoa interesada no tema.