Nova: Román Rodríguez celebra os novos achados nos primeiros días de traballo no xacemento de Adro Vello
15/07/2023
Román Rodríguez celebra os novos achados nos primeiros días de traballo no xacemento de Adro Vello
A intervención impulsada pola Xunta con 200.000 € saca á luz unha moeda e un coitelo cun mango feito de oso neste espazo declarado Ben de Interese Cultural
Conta coa colaboración da Universidade de Vigo a través dun convenio e dá continuidade á intervención realizada o pasado ano por 50.000 €
O obxectivo da campaña, que se prolongará ata setembro, é levar a cabo novas tarefas de escavación, conservación e consolidación
O Grove (Pontevedra), 15 de xullo de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a zona arqueolóxica de Adro Vello, no concello do Grove, onde a Xunta de Galicia vén de comezar novos traballos de posta en valor cun investimento de 200.000 €. A actuación lévase a cabo coa colaboración da Universidade de Vigo neste espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC). De feito, na visita tamén participou a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda.
O responsable autonómico de Cultura celebrou os novos achados realizados nos primeiros días de traballo. Neste senso, explicou que a actuación xa permitiu sacar á luz unha moeda e un coitelo cun mango feito de óso. “Estes restos poñen de manifesto a importancia deste espazo único en Galicia que conta cunha gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural”, salientou Román Rodríguez antes de lembrar a aposta feita polo Goberno galego para aprobar a declaración BIC en xaneiro deste ano.
“O conxunto arqueolóxico Adro Vello é clave para comprender o pasado e presente desta comarca, o que o convirte nun recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis destacadas do noroeste peninsular”, engadiu.
Cronoloxía e funcionalidade
Neste ocasión, as tarefas contempladas no traballo de campo, en marcha ata o mes de setembro, inclúen labores de escavación, consolidación e posta en valor desta zona situada no bordo da praia do Carreiro co fin de determinar con maior exactitude a súa cronoloxía e funcionalidade desta área. Xa o ano pasado levouse a cabo unha primeira actuación que revelou un xacemento moi rico no que se visualizan 18 séculos da historia de Galicia cunha intervención que contou cun investimento de 50.000 €.
Co fin de dar a coñecer entre a cidadanía os resultados que se van acadando ofreceranse visitas guiadas os vindeiros días xoves 20 e venres 21 de xullo ás 10,30, 12,00 e 17,30 horas.
Restos de época romana e altomedieval
Cómpre lembrar que a zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería.
Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.
Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.