Nova: O debut de Vía Seis e a estrea de Memento mori protagonizan a fin de semana no Salón Teatro

10/04/2015

O debut de Vía Seis e a estrea de Memento mori protagonizan a fin de semana no Salón Teatro

A comedia ‘Amor en 3D’, escrita e dirixida por José Prieto, representarase o venres e o sábado en Santiago como carta de presentación dunha nova formación teatral integrada por licenciados da ESAD

O domingo proxéctase na sede do Centro Dramático Galego a nova curta da realizadora galega Marisa Otero, ambientada a primeiros do pasado século e con Alejandro Carro, Camila Bossa, Mela Casal e Anabell Gago no reparto

  • Amor en 3D Amor en 3D
  • Memento Mori Memento Mori

Santiago, 10 de abril de 2015.- Dúas novas propostas de produción galega protagonizan a carteleira desta fin de semana no Salón Teatro de Santiago, que hoxe venres 10 e mañá sábado 11 acollerá dúas funcións do espectáculo de debut da compañía Vía Seis, ‘Amor en 3D’, mentres que o domingo 12 será o escenario da estrea de ‘Memento mori’, a última curtametraxe da realizadora galega Marisa Otero.

‘Amor en 3D’ é unha “comedia cinematográfica posromántica” escrita e dirixida por José Prieto, un dos autores máis prolíficos e representados do actual panorama teatral galego. Con ela preséntase Vía Seis, unha compañía fundada en 2014 por un grupo de novos profesionais da escena, formados na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.

O coñecido xogo das películas serve de punto de partida para esta historia sobre tres amigas en paro que deciden facer un filme de amor e rematan por facer catro: as “versións melloradas” de ‘As Pontes de Madison’, ‘Notting Hill’ e ‘Titanic’, así como ‘Amor en 3D’, a súa propia creación.

Interpretada por Susana Álvarez Costa, Celia González e Daniela Rodas, a peza conta coa iluminación e o deseño gráfico de Diego Valeiras e coa música orixinal de Rafa Segura. As súas funcións deste venres e sábado en Compostela darán comezo ás 20.30 horas e as entradas poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro desde as 18.30 h.

Ambientación histórica
Xa na tarde do domingo, ás 18.30 horas, a sede do Centro Dramático Galego acollerá a estrea de ‘Memento mori’, o novo título que a realizadora galega suma á súa xa ampla produción de curtamentraxes, entre as que se atopan ‘Xeira’, ‘Nebra’ ou ‘Elia e o libro’.

Nesta fita, Alejandro Carro dá vida a un científico de primeiros do século pasado que, obsesionado con ser pai, convence a súa muller para teren un fillo malia que ela padece unha complicada doenza cardíaca. No reparto figuran tamén outros coñecidos nomes do teatro e o audiovisual de Galicia, como Camila Bossa, Mela Casal, Anabell Gago, Chicho Carballido, Pepes Castro e Fina Guitián.
 

Comparte