Nova: Román Rodríguez enxalza o Festival Castelo Conta por impulsar a tradición oral e a comedia desde o rural
20/07/2023
Román Rodríguez enxalza o Festival Castelo Conta por impulsar a tradición oral e a comedia desde o rural
“Galicia sempre estivo vencellada á oralidade e iniciativas como esta manteñen viva e con mellor saúde que nunca a nosa cultura”, sinala
Enmárcase nas máis de 2.500 propostas culturais repartidas por todo o territorio que impulsa o Goberno autonómico este verán no marco do CulturON
Culleredo (A Coruña), 19 de xullo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, enxalzou hoxe o papel do Festival Castelo Conta por impulsar a tradición oral, a música e a comedia desde o rural e “manter viva e con mellor saúde que nunca a nosa cultura”. Así o manifestou durante a presentación da oitava edición do festival que este ano se celebrará do 21 ao 27 de agosto en Culleredo co apoio da Xunta de Galicia.
O titular de Cultura felicitou ao seu director, Xosé A. Touriñán, e aos veciños por organizar unha proposta cultural que pon en valor “canto nos fai únicos no mundo ao dar un papel protagonista á oralidade e a importancia que ten para os galegos”. “Somos un territorio cuxa memoria se construíu a través das historias que nos fomos contando e, polo tanto, debemos seguir contándonos para seguir fortalecendo a nosa identidade”, manifestou.
Representantes do conto, do teatro, do humor ou da música daranse cita neste festival que forma parte das máis de 2.500 propostas culturais que a Xunta de Galicia apoia durante este verán en colaboración con distintas institucións e entidades baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON. Como recordou o conselleiro, son iniciativas que, como o Festival Castelo Conta, demostran o bo momento e o talento dos profesionais que se dedican á cultura en Galicia e tamén son iniciativas repartidas por todo o territorio, cunha forte pegada nos concellos do rural.
Recuperación da memoria oral
A edición deste ano ofrecerá espectáculos de música e propostas de narración oral entre as que se incluirán algunhas estras como O último home, creado e interpretado por Manuel Cortés e dirixida por Borja Fernández, ou Parasimpáticas, creada por Lucía Veita e Marita Martínez, e baseada na improvisación.
Ademais, haberá propostas para nenos con diferentes obradoiros polas mañás, un roteiro musical dedicado á conservación do patrimonio cultural, outro de creación escénica orientado a público non profesional e, neste caso destinado a un público de xente maior, todas as tardes celebraranse Os contos de Castelo, para que os participantes poidan compartir historias e recuperar a memoria oral da comarca.