Nova: O Trad Fest celebrará a música de raíz con 14 artistas referentes en Galicia e no ámbito internacional co apoio da Xunta

26/07/2023

O Trad Fest celebrará a música de raíz con 14 artistas referentes en Galicia e no ámbito internacional co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación deste festival que repartirá a súa actividade o domingo 30 entre a praza da Quintana e o parque de Bonaval de Santiago de Compostela

O cartel inclúe as voces consolidadas de Verónica Codesal, Xurxo Fernandes ou Xoán Curiel xunto a proxectos incipientes como Mondra ou De Ninghures, incluídos na aceleradora musical ‘Sonemerxente’ da Xunta e a Fundación Paideia

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 Trad Fest encherá o próximo domingo a praza da Quintana e o parque de Bonaval de Santiago de Compostela cunha selección de voces da música de raíz dos panoramas galego e internacional. O festival, que conta co apoio da Xunta, inclúe na súa programación obradoiros, ruadas, espazos gastronómicos e unha feira de artesanía e un cartel musical con artistas como Xurxo Fernandes, Xoán Curiel ou Verónica Codesal para brindarlle ao público máis de 12 horas ininterrompidas de música, baile, tradición e vangarda.  

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do Trad Fest 2023 xunto ao seu director artístico, Vítor Belho, a artista Verónica Codesal e a representación do Concello de Santiago, xa que o encontro se programa no marco das Festas do Apóstolo.

Sutil, na súa intervención, definiu este festival como “unha celebración colectiva” cun espírito “singular e festeiro” arredor da música tradicional galega que, neste 2023, súmase á axenda global de 2500 actividades culturais que a Xunta está a impulsar ao longo do verán baixo o lema conxunto de A Cultura galega é un culturON.

Elevado nivel artístico

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, ademais, subliñou o nivel artístico de cada edición do Trad Fest. Nesta liña, lembrou a participación durante a edición do ano pasado do grupo Trilitrate que agora, neste 2023, acadou o fito de entrar na selección oficial para o escenario local Atlantic Connections do vindeiro Womex, o maior encontro internacional de música de raíz, que se celebrará na Coruña en outubro co apoio da Xunta.

Ao respecto da gran calidade do programa do TradFest para este ano, o director de Industrias Culturais da Xunta destacou o concerto na Quintana ás 21,30 horas de Verónica Codesal, cantante galega nacida en Bélxica ben coñecida por ser a voz da banda belga que ficou en segunda posición na Eurovisión de 2003, e as actuacións de Mondra e De Ninghures, integrantes de Sonemerxente, a aceleradora de proxectos musicais que desenvolve a Consellería de Cultura xunto á Fundación Paideia, e que actuarán en Bonaval ás 19,45 horas e ás 20,45 horas, respectivamente.  

Do local ao internacional

A presenza galega do programa desta edición do Trad Fest inclúe tamén a Xurxo Fernandes, quen actuará tras Codesal na Quintana ás 23,15 horas; Xoán Curiel, que tocará na igrexa de Bonaval ás 13,15 horas; a formación Pan.Sen.Fron, que ofrecerá os seus temas ás 13,30 horas. no Palco Porta da Música na contorna da escultura de Eduardo Chillida en Bonaval—; Abril, grupo que percorrerá o seu repertorio ás 15,00 horas no mesmo espazo; Brúa, que se atopará co seu público ás 17,45 horas no Palco dos Arcos, e o Sindicato do Folcore, que xa actuará ás 12,30 horas do mediodía nese mesmo escenario.

A representación do país complétase con Alba María, quen impartirá dos obradoiros de regueifa ás 11.30 horas e ás 17,00 horas; cos Enxebres de San Lázaro, que se encargarán de encabezar dúas ruadas ás 12.30 e ás 16.00, e co dúo conformado por David Bellas e Iván Abal, que dará a coñecer ás 18,00 na igrexa de Bonaval as súas novas composicións para gaita e zanfona.

O panorama internacional do Trad Fest inclúe as actuacións na Porta da Música de Mastika (18,45 horas), proxecto internacional de músicos afincados en Barcelona; Neizh (16.45), cuarteto bretón liderado por Eliaz Le Bot ao saxo e Sterenn Toscer á voz e ao violín, e Duplex (16.00), dúo belga conformado por Damien Chierici e Didier Laloy, coñecido este último por contribuír internacionalmente co rexurdir do acordeón diatónico.

Comparte