Nova: Arias destaca que o festival Bal y Gay achega a música clásica a algúns dos espazos máis privilexiados da Mariña co apoio da Xunta

28/07/2023

Arias destaca que o festival Bal y Gay achega a música clásica a algúns dos espazos máis privilexiados da Mariña co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo participou na presentación da décima edición desta iniciativa, que inclúe 13 concertos do 10 ao 24 de agosto en diferentes localizacións de oito concellos

Apunta que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades renova un ano máis a súa colaboración económica con esta actividade, dedicada á difusión da música clásica desde escenarios singulares

Foz (Lugo), 28 de xullo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe en Foz que o festival Bal y Gay “achega a música clásica a algúns dos espazos máis privilexiados da Mariña” co apoio do Goberno galego.

Arias participou na presentación da décima edición desta cita, que inclúe 13 concertos do 10 ao 24 de agosto en diferentes localizacións de oito concellos. Tamén estiveron, entre outras persoas, a directora do festival, Alba Rodríguez; e o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades renova un ano máis a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música clásica desde escenarios singulares. A Real Filharmonía de Galicia abrirá o programa o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave.

As demais actuacións correrán a cargo do cuarteto de saxofóns Kebyart – o día 12 na Fortaleza de Alfoz -; a soprano Rocío Pérez -día 13 no auditorio Hernán Naval de Ribadeo -; a violonchelista Sara Ferrández - día 14 no mosteiro de San Salvador de Lourenzá -; a pianista portuguesa María Joao Pires – día 15 no auditorio Hernán Naval de Ribadeo -; o Cuarteto Quiroga – o 16 na basílica de San Martiño de Foz -; o Trío Vibrart - día 18 no Pazo do Conde de Fontao de Foz -; os percusionistas Conrado Moya e Katarzyna Mycka -día 19 na Fábrica de Sargadelos de Cervo -; Opera Omnia – día 20 na igrexa de Santiago de Foz -; o barítono Konstantin Krimmel – o día 21 na Catedral de Mondoñedo -; o Quinteto Zoar – o 22 de agosto na igrexa de San Miguel de Reinante de Barreiros-; e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que pecha o cartel o día 24 na catedral de Mondoñedo.

 

Comparte