Nova: A Xunta apoia o talento audiovisual galego ao impulsar con preto de 200.000 euros 17 proxectos de guión, curtas e longametraxes
30/07/2023
A Xunta apoia o talento audiovisual galego ao impulsar con preto de 200.000 euros 17 proxectos de guión, curtas e longametraxes
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica a resolución da convocatoria destas axudas cunha selección de propostas de cineastas como Ángeles Huerta, Noemí Chantada, Berio Molina, Álvaro Liste, Marta Eiriz ou Xacio Baño
A irrupción da Intelixencia Artificial, a memoria das loitas obreiras no franquismo, o papel da muller na sociedade rural, as distopías ou a vulneración de dereitos nos coidados psiquiátricos son algunhas das temáticas das obras subvencionadas
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia distribuirá este ano 194.000 euros entre 17 proxectos de guións, de longametraxes de dirección novel e de produción de curtas a través das subvencións destinadas á promoción do talento audiovisual galego. Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia os novos proxectos de cineastas como Ángeles Huerta, Noemí Chantada, Brandán Cerviño ou Berio Molina, entre outros nomes.
Estas subvencións, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama fílmico español, ten como obxectivo favorecer a incorporación da nova creación á industria audiovisual e recóllese como unha das 57 accións que conforman o Plan Xeración Cultura, a través do cal a Xunta está a inxectar 34 millóns de euros no sector cultural galego. Esta folla de ruta, ideada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para acompañar o gran momento que están a vivir as nosas industrias culturais, dedica un dos seus cinco eixos estratéxicos a impulsar os talentos emerxentes.
A Xunta distribúe 120.000 euros na modalidade de tres longametraxes de dirección novel. A primeira delas é da produtora Rebordelos, titúlase 360 e recolle a historia das loitas sociopolíticas da Fonsagrada na década dos 90 do pasado século. A insubmisión será o tema de Crónica dun non!, proposta de Álvaro Liste que se baseará nun relato biográfico para brindar un mosaico xeracional dos movementos antibelicistas. Por último, Marta Eiriz é autora do terceiro dos filmes: Nunca te rindas. Trátase dun traballo documental que reflexiona sobre as casuísticas que se establecen entre o deporte, a muller e mais a maternidade.
Seis guións para longametraxes son os seleccionados nunha modalidade que distribúe 30.000 euros entre seis proxectos. Tematicamente, destacan pola heteroxeneidade ao incluíren tramas que van desde dramas rurais ata futuros distópicos, pasando pola adaptación á pantalla de feitos reais de diferente natureza. Neste último punto, atopamos o proxecto de guión asinado por Guillermo de Oliveira, quen se basea nun crime real acontecido en Nigrán en 1994 na súa obra A morte dos teus ollos.
A violencia tamén está presente no guión asinado por Ángeles Huerta, directora da premiada O corpo aberto. A súa nova proposta, titulada Lamprea, trasládanos a un thriller fantástico que mestura asasinatos nunha historia de paixón.
Pola súa banda, Sara Pisos Gutiérrez centra o seu proxecto Perfomance na problemática da saúde mental e da vulneración de dereitos que se produce neste ámbito da medicina, mentres que Noemí Chantada aposta en A Raíz por abordar o conflito emocional que xorde tras o suicidio dunha nai e Pedro Díaz viaxa en Serenade á Galicia dos anos 90 para reivindicar o rol das mulleres na sociedade rural. Pola súa banda, Irene Basanta preséntanos en Despois de Grecia a amizade entre unha moza galega que se traslada ao país heleno e un neno kurdo dun campo de refuxiados.
Nos dous apartados destas axudas destinados ás curtamentraxes, a tecnoloxía e a ciencia ficción teñen a súa presenza en diversos proxectos. Son os casos de A Burbulla (ou como os marcianos son cousa da Guerra Fría), coa que Brandán Cerviño amosa un relato que mestura ovnis, teléfonos e infancia; de Hippocampus, proxecto de Xaime Miranda que recrea a reformulación do concepto do amor a través dun dispositivo tecnolóxico de simulación mental, e Aquarium, de Margherita Morello, que nos achega unha aproximación a un futuro distópico.
Tamén nesta mesma modalidade B1 das axudas, baseada en proxectos de curtametraxes aos que se lles achega 36.000 euros, apóianse proxectos arredor da memoria das loitas obreiras no franquismo (O costume do traballo, de Luis Gisbert), o subsolo galego como centro temático dun documental experimental (Furada Negra. Unha memoria do inframundo, de Berio Molina) ou a confrontación entre a realidade e os mundos oníricos (Cadáver de dragón, peza animada de José Manuel Garnelo).
A modalidade B2, dedicada ás curtametraxes en construción, destinará 8.000 euros a dúas pezas. Nunha delas, Platónico/Platónica, de Xacio Baño, volven aparecer as novas tecnoloxías, xa que a súa curta é un ensaio reflexivo tamén sobre o amor, pero neste caso a través do prisma da Intelixencia Artificial. A outra fita é Nur Sultán, proposta presentada por Noemí Chantadae dirixida por Xoán Escudero, quen na metraxe mesturará imaxes filmadas por Asia Central para establecer un híbrido de xéneros.