Nova: Arrancan as obras de ampliación do Museo Massó, cun investimento de máis de 1,2M€ ao abeiro do Plan Xeración Cultura
31/07/2023
Arrancan as obras de ampliación do Museo Massó, cun investimento de máis de 1,2M€ ao abeiro do Plan Xeración Cultura
Os directores xerais de Cultura e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e Mª del Carmen Martínez, visitan o centro para supervisar o inicio dos traballos
A intervención permitirá incorporar ao museo novos espazos como as naves da antiga conserveira e salgadura Piñeiro, o que suporá duplicar o espazo expositivo
Exporanse ao público fondos do pintor Lugrís que actualmente permanecen gardados
Tamén se mellorarán as condicións xerais do centro museístico no eido enerxético e medioambiental, na seguridade, na climatización e na accesibilidade
Bueu (Pontevedra), 31 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia inviste máis de 1,2M€ nas obras de ampliación do Museo Massó, en Bueu, que veñen de arrancar coa acta de replanteo, tal e como explicaron esta mañá o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, durante unha visita para supervisar o inicio dos traballos que teñen unha duración de seis meses.
Segundo explicaron os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este proxecto é unha das accións enmarcadas no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta do Goberno autonómico coa que este ano se está a acompañar ao sector nun momento de impulso. Entre os seus cinco eixos de actuacións inclúese a mellora de infraestruturas culturais e a conservación do legado patrimonial como a que está prevista no museo.
O obxectivo principal desta intervención é, por unha parte, mellorar as condicións xerais de uso do museo e, por outra, poñer en valor e incorporar espazos da antiga conserveira actualmente en desuso. Deste xeito, o museo gañará un total de 600m² novos de espazo expositivo, o que suporá duplicar a súa superficie actual.
No que atinxe ás condicións xerais do edificio, abordarase a conservación e posta en valor dos sistemas construtivos das edificacións que foran parte do museo, moitas delas edificacións históricas, testemuño da industrialización da salgadura e da conserva e, en especial, das estruturas de madeira. Trátase, por tanto, de recuperar o aspecto e os valores orixinais dos elementos singulares que se conservan nestas edificacións.
Tamén se actuará no eido medioambiental, con traballos enfocados á eficiencia enerxética con fin de reducir os consumos enerxéticos, para o cal aplicaranse medidas de illamento térmico nas cubertas e fachadas e renovaranse as instalacións de climatización e iluminación. A obra complétase con outras actuacións enfocadas á mellora das condicións de seguridade do edificio e de accesibilidade ao mesmo.
Salgadura de Piñeiro e sala Urbano Lugrís
A dotación de novos espazos de uso museístico farase a través da recuperación da Salgadura de Piñeiro e das naves da antiga conserveira. No caso da Salgadura Piñeiro, recuperarase a estrutura tipolóxica orixinal deste edificio de dúas plantas, ao tempo que se vai mellorar a ventilación natural do espazo e se dotará de instalacións de climatización, electricidade e servizos de telecomunicacións. Entre as melloras figura a substitución dos piares de formigón por outros de pedra, a instalación de trabes e pontóns de castiñeiro e eucalipto e solos de eucalipto e o cambio da cuberta de fibrocemento por outra acristalada.
Unha vez recuperada, a planta superior do edificio, acollerá a sala de exposición dedicada a Urbano Lugrís, que se localizará no espazo orixinal da antiga tribuna e que se integrará na exposición permanente do museo. Isto permitirá mostrarlle ao público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan cerca de 300 metros lineais. Na fachada cara a rúa Montero Ríos reporase a estrutura de madeira da zona balconada e tratarase a fachada de pedra.
Naves antigas conserveiras
Os traballos complétanse nas antigas conserveiras, onde se fará unha posta en valor da estrutura da cuberta das naves realizada con tesoiras de madeira de eucalipto e tesoiras mixtas de madeira de eucalipto e pino. De feito, preténdese incorporar a singularidade desta estrutura espacial de tesoiras no discurso expositivo para o que se prevé incluír unha zona acristalada superior para facer visible o resto da estrutura desde a sala de exposicións temporais. Tamén se construirá unha nova fachada de cara a Praza Massó e habilitarase unha nova sala de incendios.
Finalmente, na Casa Mariñeira melloraranse as condicións de accesibilidade e seguridade de incendios e actuarase na fachada de pedra cara a rúa Montero Ríos. A maiores, o proxecto prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.