Nova: A Cidade da Cultura convida a gozar dos dez concertos de agosto de Atardecer no Gaiás con actuacións como Bejo, Natalia Lacunza ou Ben L’oncle Soul
02/08/2023
A Cidade da Cultura convida a gozar dos dez concertos de agosto de Atardecer no Gaiás con actuacións como Bejo, Natalia Lacunza ou Ben L’oncle Soul
O festival achega a Santiago bandas emerxentes que están a dominar a escena galega como Catuxa Salom, KYR4, Lontreira ou Moura
O rock dos madrileños Parquesvr e as melodías tradicionais da mallorquina Júlia Colom completan a oferta
Este ciclo musical que conta co patrocinio de Cervezas Alhambra, ten lugar os xoves e venres ás 21,00 horas, de balde e con acceso libre
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia convida a gozar dun agosto musical na Cidade da Cultura cos dez concertos de Atardecer no Gaias, festival que achega a Santiago nomes como Bejo, Natalia Lacunza ou o francés Ben L’oncle Soul.
O Gaiás recibe este xoves a Catuxa Salom, galega de raíces arxentinas que abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música. Os seus temas son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás composicións que fusionan o folclore galego con ritmos latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica.
O venres será a quenda de Elia Galdo, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap español. A coruñesa comezou en 2021 a compoñer as súas primeiras cancións, e alcanza o éxito de público con Cantándote al oído, tema que dá comezo oficial á súa carreira.
Xunto a eles, pasarán en agosto polo Gaiás bandas galegas emerxentes, como Lontreira ou Moura, así como as formacións gañadoras do certame Xuventude Crea: Faíscas e Xa’lum. A edición complétase co rock dos madrileños Parquesvr e coas melodías da mallorquina Júlia Colom.
Música urbana e pop electrónico
A actuación do canario Bejo (10 de agosto) preséntase como un dos concertos máis agardados. Con colaboracións con artistas internacionais tan coñecidos como Eminem e Nas e nacionais, como Blasfem, Macaco ou Ana Mena, a súa estética desbaratada e a súas rimas barrocas fan de Bejo un dos nomes máis populares da música urbana en España.
Cómpre destacar as dúas actuacións que pecharán o festival na última semana de agosto. Por unha banda, o francés Ben l’Oncle Soul (30 de agosto), que se ten consolidado como unha das grandes voces internacionais coa súa mestura de R&B vangardista coas raíces do soul espiritual. Ao Gaiás achegarase para defender os temas de Is it you?, o seu novo álbum.
Con este programa, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades segue a medrar un festival que vive xa a súa decimo terceira edición e que arrincou no mes de xullo con concertos de artistas como Juancho Marqués, Dulzaro ou Biznaga.
Programa con ritmos diferentes
Atardecer no Gaiás segue a presentarse como unha cita coa ollada posta en bandas galegas que están a despuntar, pero coa vocación de achegar a Galicia propostas atractivas do resto de España e da escena internacional, configurando un programa cunha identidade propia onde atopan cabida ritmos diferentes. Ofrece concertos conectados coa experiencia de mesturar a música co fermoso solpor sobre Santiago desde o monte Gaiás.