Nova: A Xunta pon en marcha a segunda edición da súa aceleradora para proxectos musicais emerxentes

05/08/2023

A Xunta pon en marcha a segunda edición da súa aceleradora para proxectos musicais emerxentes

Abre a convocatoria para seleccionar a entidade colaboradora que lle dará continuidade á xestión desta iniciativa, desenvolvida actualmente canda á Fundación Paideia

Esta nova entrega volverá incluír un período inicial de consultaría e ‘mentoring’ para un máximo de 12 artistas e bandas participantes e unha fase posterior centrada na súa promoción e difusión no mercado musical

Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures participan ata outubro na primeira edición do programa

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2023 A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases para a selección dunha entidade colaboradora na xestión da segunda edición do seu Programa de aceleración cultural para proxectos musicais, coa que se lle dá continuidade a esta iniciativa para impulsar as carreiras de novos artistas e grupos galegos con especial potencial de proxección.

A dotación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina á xestión e seguimento da aceleradora é de 60.000 euros ao abeiro dos Fondos NextGeneration e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Para a execución posterior do programa, sumaráselle un novo orzamento dirixido ao desenvolvemento das actividades de consultaría e promoción dun máximo de 12 bandas e artistas, que serán seleccionadas a través dunha próxima convocatoria específica.

Prazo ata o 25 de agosto

A colaboración materializarase mediante a subscrición dun convenio entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a entidade beneficiaria, escollida mediante un procedemento de concorrencia competitiva para o que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata vindeiro 25 de agosto.

Entre os requisitos que deben reunir as candidatas atópanse non posuír ánimo de lucro; realizar a súa actividade habitual en Galicia, e ter coñecemento e unha experiencia mínima acreditada no sector musical e na organización de actividades formativas no emprendemento musical. Tamén debe dispoñer dun centro de traballo axeitado, dotado cos medios tecnolóxicos apropiados, así como demostrar solvencia económica.

Ao igual que na súa primeira entrega, a segunda edición do programa de aceleración musical desenvolverase en dúas fases, cun período inicial de consultaría e mentoring en distintas ramas do negocio musical (proposta artística, promoción e comercialización), confección de produtos musicais e deseño dun plan estratéxico para o seu lanzamento. Na segunda fase, destinada á promoción e difusión, contémplase a participación en circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical, ademais dun evento final de presentación pública dos proxectos.

Desenvolvemento da primeira edición

Na actualidade, a aceleradora cultural de proxectos musicais está a ser xestionada en colaboración coa Fundación Paideia Galiza cun investimento público de 240.000 euros. O seu programa prolongarase ata o mes de outubro baixo o título de Sonemerxente, traballando desde a súa posta en marcha con 10 artistas: Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures.

Os propósitos que se perseguen con esta experiencia de impulso da música emerxente galega entroncan con dous dos eixes de actuación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver no marco do Plan Xeración Cultura 2023: dunha banda, o centrado na innovación, dixitalización e modernización;  e doutra, o destinado á proxección exterior, internacionalización e formación.

Artes escénicas

A esta aceleradora musical cómpre sumarlle un programa análogo no campo das artes escénicas, tamén posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cunha dotación de 336.000 euros a través dunha convocatoria de subvencións dirixidas a pemes, microempresas ou persoas traballadoras autónomas nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia. 

O obxectivo desta liña de axudas, actualmente en fase de resolución, é impulsar a profesionalización empresarial do sector a través de proxectos que doten as entidades subvencionadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades emprendedoras e financeiras. Ao tempo, procura impulsar a súa transformación á cultura dixital e á incorporación de novas tecnoloxías, así como favorecer as interconexións entre as industrias culturais e con outros sectores económicos.

Comparte