Nova: A Xunta convoca 11 bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro de investigación
06/08/2023
A Xunta convoca 11 bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro de investigación
Con esta acción, o Goberno galego reforza o seu compromiso coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega
As persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos poderán enviar a súa solicitude a través da sede electrónica ata o 1 de setembro
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2023 A Xunta acaba de convocar por un importe total de 261.360€ un total de 11 bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Requisitos de acceso
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias que, ademais de reunir os requisitos específicos para cada proxecto, posúan a nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea; acrediten o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4 (agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou equivalente); non resultaran beneficiarios dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos co Centro Ramón Piñeiro, e teñan unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos.
Valoración de solicitudes
Unha comisión de valoración será a encargada de examinar as solicitudes presentadas polas persoas candidatas conforme o seguinte baremo e criterios: o expediente académico puntuará ata 10 puntos; a formación complementaria ata 11 puntos; a presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa, ata 3 puntos; e as publicacións individuais e participación en publicacións colectivas de carácter científico, ata un máximo de 3 puntos.
A información completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.