Nova: Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta pola conservación da patrimonio cultural galego, con 130 actuacións de rehabilitación en marcha
08/08/2023
Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta pola conservación da patrimonio cultural galego, con 130 actuacións de rehabilitación en marcha
O conselleiro de Cultura comproba o avance dos traballos de restauración da Capela da Lanzada, que contan cun orzamento de 110.000€
As obras consisten na limpeza da superficie pétrea do conxunto para consolidalo e está previsto o seu remate para finais de setembro
O obxectivo é evitar un posible deterioro irreversible no ben e a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar
Román Rodríguez lembrou que a Xunta ten dedicado no último lustro 55M€ á salvagarda do patrimonio cultural galego a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.
Así mesmo, recordou que a conservación dos nosos bens máis senlleiros é tarefa de todos, “unha mensaxe de responsabilidade que estamos a promover a través da campaña Por outros tantos máis, que acabamos de lanzar para fomentar a sensibilización e coñecemento da cidadanía arredor da preservación do patrimonio”.
Remate previsto en setembro
No referido ás obras na Capela da Lanzada, o conselleiro explicou que a previsión é que os traballos, que contan cun orzamento de case 110.000€, estean rematados a finais de setembro. Segundo sinalou, a actuación inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. Ata o momento xa se procedeu á retirada das xuntas de cemento e limpeza do paramento norte e ábsida. Así mesmo, comezaron os traballos de desalación da ábsida e ó rexuntado do paramento norte; ademais da revisión dos elementos das cruces e sopenas coa finalidade de valorar o seu estado de conservación.
A intervención continuará coa eliminación de vexetación e limpeza da superficie pétrea, coa consolidación das mesmas e o selado de gretas e fendas con morteiro. Ademais, acometerase a restauración das cruces e sopenas, en función dos resultados do devandito estudo.
A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior, entre outros detalles.
Habitado desde tempos remotos
O obxectivo da intervención é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.