Nova: Román Rodríguez participa na entrega do recoñecemento da Fundación Manolo Paz ao paisaxista Fernando Caruncho
11/08/2023
Román Rodríguez participa na entrega do recoñecemento da Fundación Manolo Paz ao paisaxista Fernando Caruncho
Cambados, 11 de agosto de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega do VIII Recoñecemento da Fundación Manolo Paz a Fernando Caruncho, ao que definiu coma “un dos paisaxistas máis prestixiosos e prolíficos do panorama nacional e internacional”. O representante da Xunta sinalou o espazo desta fundación como o lugar idóneo para entregarlle este recoñecemento a “un erudito que proxecta o seu amplo coñecemento sobre filosofía e historia da arte sobre as súas figuras, nunha fórmula híbrida que poderíamos describir como arquitectura vexetal”.
Román Rodríguez quixo salientar tamén a traxectoria de Manolo Paz e o inigualable marco creado na súa fundación. “Só un artista único coma el, cunha das obras máis transcendentes no desenvolvemento da arte galega, pode crear un espazo coma este, marcado pola comuñón entre natureza e arte”, afirmou.