Nova: O circuíto das Feiras do Libro chega á Mariña luguesa con paradas en Viveiro e Foz
12/08/2023
O circuíto das Feiras do Libro chega á Mariña luguesa con paradas en Viveiro e Foz
A cita viveirense abre hoxe con Nazaret López e Sofía Castañeda como pregoeiras e permanecerá ata o martes día 15 nos Xardíns de Noriega Varela
Na localidade focense as casetas instalaranse na praza de Conde Fontao entre o 17 e o 20 de agosto
En ambos casos ofrécese unha ampla programación con firmas de libros, espectáculos infantís, presentacións, concertos e obradoiros, entre outros
Viveiro (Lugo), 12 de agosto de 2023
O circuíto das Feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías chega á Mariña luguesa este mes de agosto con paradas en Viveiro e en Foz, onde se concentrarán nos próximos días centos de actividades para todos os públicos.
A décimo segunda parada desta cita arranca hoxe en Viveiro coa apertura oficial a cargo de Nazaret López e Emily Sofía Castañeda como pregoeiras. Ata o próximo martes día 15, nos Xardíns de Noriega Varela, desenvolverase un amplo programa de actividades que inclúen propostas como firmas de libros, espectáculos infantís, presentacións de novas publicacións, concertos ou obradoiros.
Posteriormente, entre o 17 e o 20 de agosto, a cita cos libros chegará a Foz, coa instalación das casetas na praza de Conde Fontao. Tras o seu paso por Viveiro e Foz, o circuíto pechará a edición deste ano coa última parada en Monforte de Lemos (do 23 ao 26 de agosto).
As Feiras do Libro son unha das citas culturais máis importantes do verán para a promoción e divulgación da literatura e alíñanse coas medidas do Plan de impulso ao sector do libro que este ano puxo en marcha a Consellería de Cultura para reforzar o apoio ao sector. Así mesmo, intégrase nas máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON.