Nova: A Xunta crea unha nova liña de axudas para impulsar a participación de creadores galegos en residencias literarias fóra de Galicia

13/08/2023

A Xunta crea unha nova liña de axudas para impulsar a participación de creadores galegos en residencias literarias fóra de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca ampliar a novos territorios e públicos a actividade cultural galega

Poderán participar ata o 31 de outubro escritores, tradutores, deseñadores gráficos ou ilustradores que deberán publicar despois a obra resultante en lingua galega

No marco do Plan Xeración Cultura, o Goberno autonómico reforza así a súa aposta por apoiar o talento creativo e exportar o papel dos profesionais do sector

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2023 A Xunta crea unha nova liña de axudas para apoiar aos creadores galegos no seu labor de difusión da cultura galega fóra da Comunidade e para impulsar as relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia. En concreto, facilitarase a participación de escritores, tradutores, deseñadores gráficos ou ilustradores en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases desta nova iniciativa coa que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa a participación dos creadores nestas residencias para que contribúan a difundir a riqueza e calidade da creación literaria galega actual e facilitarlles espazos adecuados de traballo en institucións de prestixio para apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos, a formación ou o acceso a novos coñecementos.

Na liña dos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta coa que a Xunta está a acompañar o bo momento do sector cultural, estas axudas contribúen a apoiar o talento creativo e a divulgar fóra o traballo feito en Galicia. Ademais, impulsan as relacións entre institucións e profesionais do sector e amplían a novos territorios e públicos a actividade cultural galega.

Solicitudes ata o 31 de outubro

Convócanse en réxime de concorrencia competitiva e, entre os criterios de valoración inclúese, por exemplo, o perfil da entidade ou institución para a que se solicita a estadía, valorando o seu prestixio e singularidade así como a súa aposta pola innovación. Tamén se atenderá ao perfil do candidato, a súa carta de motivación e a súa proposta de proxecto que desenvolverá durante a residencia. Neste sentido, valorarase o currículo e os obxectivos que espera acadar no seu desenvolvemento profesional e creativo. Ademais, terase en conta, entre outras cuestións, os aspectos formativos da residencia literaria (perfil do profesorado, instalacións para talleres ou lugares de traballo, materiais e equipos...).

A orde de axudas conta cun investimento global de 20.000 euros. Entre os gastos que se financian inclúense os gastos de viaxe ata o lugar da residencia e de transportes para desprazamentos na localidade onde se realiza a residencia, así como de aloxamento e manutención ou póliza de viaxe e de seguro médico. As subvencións adxudicaranse por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada persoa beneficiaria sexa o 80% do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo co que se subvencionará a cada beneficiario por cada estadía na que participe será de 5.000€ e non se admite máis dun proxecto por beneficiario.

Os solicitantes deberán contar coa aceptación expresa de participación na residencia e deberán presentar un proxecto de creación por estadía. Tamén terán o compromiso de publicar a obra resultante do proxecto por parte dunha editora legalmente constituída, feito que deberán confirmar de forma expresa para que as solicitudes sexan tomadas en consideración.

As obras resultantes das estadías deberán estar realizadas en galego e os autores responderán da orixinalidade e autoría do proxecto. As solicitudes poderanse presentar ata o 31 de outubro de 2023.

Comparte