Nova: A Xunta distribúe 2,5 M€ en axudas para a produción de 21 novas longametraxes, curtas e series galegas
18/08/2023
A Xunta distribúe 2,5 M€ en axudas para a produción de 21 novas longametraxes, curtas e series galegas
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica a proposta de resolución das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais, as de maior dotación convocadas en 2023 para o sector en Galicia
O Goberno galego contribúe á materialización dos novos proxectos de 18 empresas do sector, como Abano, Filmika Galaika, Frida Films, Gaitafilms, Maruxiña, Matriuska, Miramemira, Nós Produtora, Rebordelos, Undodez ou Zeitun Films
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2023 O audiovisual galego recibirá 2,5 millóns de euros por parte da Xunta para a materialización de 21 novas longas cinematográficas, curtametraxes e series como adxudicatarias da convocatoria anual de subvencións para a produción e coprodución audiovisual, as de maior dotación das destinadas especificamente a apoiar economicamente o sector en Galicia.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais a proposta de resolución de concesión destas axudas, a través da que se contribúe á posta en marcha das novas propostas presentadas por 18 produtoras galegas nas diferentes modalidades.
Esta vía de fomento constitúe una das principais iniciativas dirixidas ao sector no marco do Plan Xeración Cultura do Goberno galego. En concreto, o noso audiovisual é o destinatario de oito liñas de subvencións que suman máis de 7,3 millóns de euros para acompañar e impulsar o seu bo momento creativo e empresarial tanto a través do programa anual de axudas como do Hub Audiovisual.
Xunto con outras medidas, como a próxima entrada en funcionamento da Galicia Film Commission, estas axudas centran o apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ás empresas e profesionais do cinema e a televisión durante todo o proceso audiovisual: desde o impulso do talento na fase de creación ata a promoción, comercialización e exhibición dos traballos, pasando pola súa preprodución, rodaxe e posprodución. A súa prioridade é tanto atender as necesidades máis inmediatas das produtoras como sentar as bases para a consolidación e impulso do sector a medio e longo prazo.
Variedade de proxectos
Entre os proxectos adxudicatarios este ano da convocatoria á produción e coprodución, conviven tanto propostas que mobilizarán importantes orzamentos para levar a cabo ambiciosos deseños de produción, con outras de menor contía, pero cun gran interese artístico e cultural.
Así, o Executivo galego contribuirá á produción de 12 longametraxes, das cales seis son os documentais Xalundes, de Rebordelos; Todo é cárcere, de Filmika Galaika; Fomos ficando sós, de Zeitun Films; O silencio herdado, de Gaitafilms; Prefiro condenarme, de Nós Produtora Cinematográfica Galega, e Ana e mais nós, de Miramemira. Cada unha destas empresas recibirá 80.000 euros para levar a cabo os seus novos proxectos.
No eido da ficción, propóñense como adxudicatarias sete longametraxes. Nesta modalidade, O pesadelo das vacas (Matriuska Producciones), A nadadora (Setembro Cine) e As augas (Maruxiña Film Company) contarán con 280.000 euros, mentres que After (Los Desertores) e Quero vivir un grito (Miramemira) recibirán 260.000 euros. Idéntica cifra obtén a longa de animación Decorado, presentada por María y Arnold AIE. Completa a listaxe Vidas perras (Indígena Filmes) con 60.000 euros.
Coprodución internacional e curtas
Na categoría de longametraxes cinematográficas en coprodución internacional minoritaria, a fita Los invitados, de Frida Films, recibirá 150.000 euros, mentres que no apartado específico para curtas figuran outros seis títulos con cadanseus 15.000 euros: Despois, nada, de Gonzalo Veloso; 68 metros, de Rebordelos; Monstera, de Maruxiña Film Company; O corpo de Cristo, de Abano Producións; Lucus, de Mala Herba Producións, e Adeus, Berta, de Kraken Media.
Na modalidade destinada a obras para televisión e plataformas, a empresa Undodez disporá de 100.000 euros para desenvolver a serie de animación para público infantil e xuvenil Bibopalula.