Nova: A Fundación Camilo José Cela acolle este xoves o concerto da xira Lugares Máxicos de Carlos Núñez

22/08/2023

A Fundación Camilo José Cela acolle este xoves o concerto da xira Lugares Máxicos de Carlos Núñez

A proposta rende homenaxe aos ancestros celtas cornualleses dos Trulock e será a primeira vez que o gaiteiro galego leve a súa música a este recinto

 

Celebrarase ás 20,00 horas e as entradas poden adquirirse na propia sede da Fundación ou a través da web de Ataquilla.com

 

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023 A Fundación Camilo José Cela acollerá nos seus xardíns este xoves 24 de agosto un concerto a cargo de Carlos Núñez, dentro da súa xira Lugares Máxicos coa que está a percorrer distintos monumentos e espazos patrimoniais especialmente icónicos de Galicia.  

A proposta rende homenaxe aos ancestros celtas de Cornualles dos Trulock e supón a primeira vez que o gaiteiro galego leve a súa música a este recinto xestionado pola Xunta de Galicia. A Fundación Camilo José Cela súmase así aos distintos emprazamentos patrimoniais, naturais e históricos escollidos por Carlos Núñez para levar a súa música este verán coa intención de que o concerto poida ser gozado no mellor contexto posible. De feito, o horario está pensado para aproveitar o atardecer e gozar da beleza da contorna e dos distintos lugares nos que se celebran os concertos.

A cita celebrarase o xoves ás 20,00 horas e as entradas poden adquirirse tanto na propia Fundación Camilo José Cela como a través da web www.ataquilla.com. É unha das máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON. 

Carlos Núñez (Vigo, 1971), que vén de recibir a Medalla de Galicia neste 2023, é un dos artistas galegos e españois máis internacionais, e o primeiro en introducir a gaita en templos da música como o Musikverein de Viena, o Carnegie Hall de Nova York, o Boston Symphony Hall, o Royal Albert Hall de Londres, a Sydney Opera House ou a Berliner Philharmoniker.  

Ten formación clásica coa frauta de pico o que lle permitiu colaborar con frecuencia con grandes orquestras sinfónicas europeas ou norteamericanas, así como con primeiras figuras da música antiga. Desde que os seus mentores, os irlandeses The Chieftains, lle transmitiron a súa idea da música celta como aberta e profunda, Carlos Núñez colaborou con distintas artistas nacionais e internacionais. Así mesmo, tivo participacións destacadas na música de distintos filmes.

 

Comparte