Nova: A estrela do pop Natalia Lacunza e o artista francés Ben L’oncle Soul pechan esta semana os concertos de Atardecer no Gaiás

29/08/2023

A estrela do pop Natalia Lacunza e o artista francés Ben L’oncle Soul pechan esta semana os concertos de Atardecer no Gaiás

A artista navarra chega á Cidade da Cultura o xoves 31 de agosto co seu pop íntimo, desgarrado e doce, confirmada como unha das voces máis relevantes da escena musical española

O mércores 30 o escenario será para o coñecido cantante e compositor nacido en Tours e os seus ritmos de soul e R&B vangardista

Ambas actuacións son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo

O ciclo de concertos impulsado pola Xunta reúne preto de 10.000 persoas en 18 citas que combinan talento novo e veterano e unha gran variedade de estilos e públicos

 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

Esta semana a Cidade da Cultura pecha por todo o alto o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia, coas actuacións do francés Ben L’Oncle Soul e da estrela do pop Natalia Lacunza. O soulman presenta o mércores 30 o seu disco máis espiritual e íntimo, no que combina o encanto do R&B vangardista e as raíces da música soul. Pola súa banda, o agardado concerto de Natalia Lacunza —que tivo que adiar a súa cita compostelá ata este xoves 31 de agosto— promete volver encher a Praza Central de público para gozar da última cita musical do verán no Gaiás.

Ambas actuacións serán ás 21,00 horas, con acceso é libre e de balde ata completar a capacidade do recinto. Haberá un servizo especial de bus urbano coa liña C11 ao finalizar os concertos, con saída ás 22,45 horas da Cidade da Cultura.

Con trece anos de carreira ao lombo e seis discos publicados, Ben L’Oncle Soul é unha das grandes voces da música soul actual. Nacido en Tours, o músico e compositor saltou á fama cun álbum no que reinterpretaba éxitos dos anos 90 e os 2000 como Barbie Girl de Aqua ou Seven Nation Army dos White Stripes coa sonoridade propia dos anos 60 e o inconfundible estilo do selo Motown.

O francés gozou dun comezo fulgurante que lle valeu recoñecemento internacional e sentou unhas bases firmes para ser hoxe libre de seguir o seu propio camiño co álbum Is it you?, publicado de maneira independente e guiado por un estilo vocal máis tranquilo e persoal ca nunca.

A esperada cita con Natalia Lacunza

O xoves 31 de agosto será Natalia Lacunza quen poña o colofón ao ciclo de concertos de Atardecer no Gaiás. A artista Navarra está a protagonizar este verán unha intensa xira por España que finalmente recalará tamén na Cidade da Cultura.

Desde o seu paso polo concurso de talentos Operación Triunfo en 2018, Natalia Lacunza non parou ata conseguir facer da música o seu modo de vida e de expresar todo un universo íntimo de aprendizaxes, vitorias e derrotas que soan a pop bailable, desgarrado e doce. Este ano agárdase un novo EP da cantante, logo de que co seu primeiro grande álbum, Tiene que ser para mí (2022), pechase unha etapa e afirmase a vontade de vivir de maneira honesta, valorando o esforzo e o amor como recompensas incluso cando veñen acompañados de procesos dolorosos.

Atardecer no Gaiás programou este ano un total de 18 citas musicais que reuniron o talento máis novo con artistas consolidados do panorama galego, español e internacional. Polo escenario da Cidade da Cultura pasaron este ano os rapeiros Juancho Marqués e Bejo, os ritmos punk roqueiros de Biznaga e Parquesvr, o jazz de Jéssica Pina e un amplo abano de propostas innovadoras que fusionan tradición e modernidade como Júlia Colom, Lontreira, Moura ou San Salvador, entre outras.

Preto de 10.000 persoas achegáronse á Cidade da Cultura en xullo e agosto para gozar, de maneira gratuíta, destes concertos, que contaron co apoio de Cervezas Alhambra e do programa Xuventude CREA da Xunta de Galicia.

 

Comparte