Nova: Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate representan a música galega nos escenarios de Womex na Coruña co apoio da Xunta

01/09/2023

Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate representan a música galega nos escenarios de Womex na Coruña co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da programación artística e profesional que a Worldwide Music Expo desenvolverá na cidade herculina do 25 ao 29 de outubro

Será a terceira edición galega deste encontro de música folk e de raíz, o máis importante do circuíto internacional, que o ano pasado congregou en Lisboa máis de 3000 delegados dun centenar de países

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades organiza o evento Focus Galicia nos días previos á feira para promover a nosa música e cultura entre unha escolma de programadores de festivais internacionais

A Coruña, 1 de setembro de 2023 A música galega terá unha importante presenza nos escenarios que Womex (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, despregará na cidade da Coruña para o desenvolvemento da súa 29ª edición do 25 ao 29 de outubro co apoio da Xunta de Galicia. Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate foron seleccionados como parte do cartel internacional de concertos do evento, que contará tamén cunha nutrida delegación artística e empresarial galega no recinto feiral que se instalará no Palexco.

A programación de Womex 2023 foi presentada hoxe na Coruña nun acto que contou coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto cos representantes das entidades e empresas locais que colaboran coa organización. Na súa intervención, cualificou como “todo un acontecemento a moi diferentes niveis” o regreso desta feira a Galicia tras as edicións que tiveron lugar en 2014 e 2016 na Cidade da Cultura e outros espazos de Santiago de Compostela.

Proxección exterior de Galicia

“Esas experiencias previas constataron a capacidade de mobilización de Womex, que o ano pasado congregou en Lisboa máis de 3000 delegados dun centenar de países, co que estas cifras significan para a proxección exterior de Galicia e, especialmente, da nosa cultura, da nosa música e dos nosos profesionais”, sinalou, ao tempo que incidiu en que 1150 das persoas acreditadas en 2022 representaban a empresas promotoras de eventos, 660 a selos discográficos e distribuidoras e 230 a medios de comunicación de todo o mundo.

A Xunta volve sumar esforzos para facer posible esta nova edición galega da Worldwide Music Expo, que suporá un importante impacto para A Coruña e o resto da Comunidade en termos económicos, de emprego e de imaxe, cun retorno directo e indirecto estimado nuns 2,5 millóns de euros. Ademais, como explicou Sutil, para a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades resulta de especial relevancia a repercusión dun evento destas características á hora de continuar impulsando a internacionalización dos artistas e grupos galegos.

Oportunidade para a industria musical galega

Neste sentido, destacou que “ademais da oportunidade que significa para as empresas musicais galegas o feito de xogar na casa á hora de establecer contactos e facer negocio no marco da actividade feiral”, Womex conta cunha destacada representación artística galega nos seus diferentes escenarios. Así, Baiuca forma parte da selección oficial que cada ano elixe un prestixioso xurado internacional, mentres que Ailá e Trilitrate actuarán no escenario Atlantic Connections, instalado no Teatro Rosalía Castro e a través do que se celebrarán os nosos fondos vínculos culturais e históricos con América Latina.

Ademais, a organización acaba de anunciar que Caamaño & Ameixeiras actuará xunto con Karmeto (Castela-A Mancha), Niño Josele (Andalucía) e Tarta Relena (Cataluña) no espectáculo inaugural Resounding Picasso: Celebrating de Master’s Journey. Nesta Opening Night, Womex súmase á conmemoración dos 50 anos do pasamento do pintor, ofrecendo unha viaxe musical pola súa vida e obra da man de catro bandas que representan os lugares que marcaron a súa infancia e xuventude.

Convite a programadores de festivais internacionais

O representante da Xunta avanzou, así mesmo, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar na organización do programa Focus Galicia, que terá lugar nos días previos ao inicio de Womex para incidir no mesmo obxectivo de aproveitar “as moitas portas que se abren para a nosa música grazas a unha feira destas características”.

Con tal fin, convidarase unha selecta escolma de programadores de festivais internacionais a participar nun “evento experiencial de identificación da música co territorio” e para favorecer, deste modo, a contratación de artistas e bandas da nosa Comunidade. Como adiantou Sutil, proximamente darase a coñecer a selección de 10 proxectos musicais, realizada a partir dunha convocatoria pública, que ofrecerán outros tantos showcases como parte central do conxunto de actividades de Focus Galicia.

 

Comparte