Nova: Camiño Escena Norte chega a 11 concellos galegos co apoio da Xunta nunha quinta edición que se amplía a 57 sedes en cinco comunidades

06/09/2023

Camiño Escena Norte chega a 11 concellos galegos co apoio da Xunta nunha quinta edición que se amplía a 57 sedes en cinco comunidades

A nosa Comunidade acollerá 12 actuacións do 17 de setembro ao 22 de outubro

 

Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato son as compañías galegas que xirarán fóra, mentres que Marta Alonso Tejada, Os Naúfragos e Paula Quintas Cía. participarán nas residencias ‘Cruzamentos’

 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

Camiño Escena Norte, proxecto de intercambio cultural entre as cinco comunidades autónomas polas que discorre a ruta xacobea do Camiño do Norte, chegará na súa quinta edición a 11 concellos galegos e ampliará o seu circuíto xeral a 57 sedes repartidas entre Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. A Xunta volve contribuír economicamente ao desenvolvemento desta programación no territorio galego, que ofrecerá 12 funcións de 10 espectáculos de compañías foráneas entre o 17 de setembro e o 22 de outubro.

O cartel xeral inclúe 15 compañías, tres por comunidade participante, no que as representantes das nosas artes escénicas que xirarán fóra de Galicia son Caramuxo Teatro con Crisálida, Rebordelos con Amantis e Xampatito Pato con .

Hoxe puido verse un fragmento deste último espectáculo no transcurso da presentación do quinto Camiño Escena Norte na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Nela interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, asociación que coorganiza esta iniciativa xunto coas entidades homólogas do resto das comunidades. Contouse tamén coa participación de Diego V. Meizoso, coordinador do programa, e os representantes doutras institucións e empresas colaboradoras.

Descentralización cultural

Sutil definiu Camiño Escena Norte como unha “iniciativa integral” para a difusión das artes escénicas e celebrou a súa filosofía, que entronca con varios dos “obxectivos estratéxicos” que a Xunta se marca na súa programación cultural: a ampliación, diversificación e descentralización da oferta artística.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou como grandes valores desta iniciativa o intercambio entre profesionais dos distintos territorios implicados, o enriquecemento do noso sector cultural e a suma de esforzos entre o ámbito público e o privado, “consolidando iniciativas que, como neste caso, acaban por confirmarse moi necesarias”.

De Santiago a Sangüesa

O Itinerario Constelacións, o programa de exhibición artística de Camiño Escena Norte, aglutina producións de teatro, novo circo, danza e artes do movemento. As montaxes ofreceranse en 57 sedes, 19 máis que en 2022, espalladas entre Santiago de Compostela e a localidade navarra de Sangüesa. Delas, 11 sitúanse en Galicia, fronte ás sete do ano pasado: Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo e Vimianzo súmanse así a Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela e Viveiro.

O programa no treito galego principiará o 17 de setembro en Santiago co espectáculo Gorpuztu, da compañía vasca de Eva Guerrero, e continuará o día 24 en Arzúa, coa peza Luna, da asturiana Luz de Gas Teatro, e o mesmo día en Mondoñedo coa obra Portamundos, da formación navarra Levelibular. As actuacións restantes estenderanse pola nosa xeografía durante outubro ata completar as 12 funcións previstas.

Residencias, obradoiros e catálogo

Ademais do seu cartel de exhibición, Camiño Escena Norte promove un completo programa de actividades que inclúe, entre outras iniciativas, encontros co público, 36 accións de acompañamento, obradoiros e residencias. Este último apartado, baixo o título xenérico Cruzamentos, consiste nunha rede de intercambio creativo, artístico e profesional no que participan outras tres compañías galegas: Os Náufragos Teatro, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas Cía.

Entre as novidades desta quinta edición de Camiño Escena Norte destaca, así mesmo, a posta en marcha de Vieiros, acción para establecer vínculos e darlle proxección exterior a un proxecto cultural por comunidade, co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) como representante galego.

A segunda novidade é o lanzamento do Catálogo de espectáculos eecomendados Camiño Escena Norte, unha escolma de 30 producións realizada polas comisións profesionais que artellaron o cartel final de exhibición. A publicación, editada en versión dixital, distribúese entre 400 profesionais da programación de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra.

 

Comparte