Nova: Román Rodríguez salienta a aposta do FIOT de Carballo pola innovación e o papel do teatro como factor de transformación social

08/09/2023

Román Rodríguez salienta a aposta do FIOT de Carballo pola innovación e o papel do teatro como factor de transformación social

Desenvolverase do 28 de setembro ao 31 de outubro, co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións a festivais de artes escénicas

 

A carteleira ofrece 38 espectáculos, dos que 10 son estreas absolutas, ademais de numerosas actividades de mediación cultural para o encontro entre público, compañías e outros axentes do sector

 

Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Ariadna Gil, Vicky Luengo, Kulunka Teatro e Diego Anido son algúns dos pratos fortes no programa deste ano

 

Carballo (A Coruña), 7 de setembro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación da 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que terá lugar do 28 de setembro ao 31 de outubro con 38 espectáculos en cartel, dos que 10 son estreas absolutas. A Xunta, a través da súa convocatoria anual de subvencións a festivais de artes escénicas, volve apoiar economicamente a organización deste encontro, do que o titular de Cultura e Educación do Goberno galego salientou a súa aposta pola innovación escénica, así como polo papel do teatro como factor de transformación social.

Así, o fío condutor desta 32ª edición será a loita contra a intransixencia, plasmada no deseño do cartel do evento a modo de aperta colectiva, con personaxes que representan a empatía, o agarimo e o afecto, entre outras calidades.

O conselleiro subliñou, ademais, que o FIOT ofrécelle ao público galego unha oportunidade para descubrir “non só o mellor da nosa creación, senón tamén para se asomar ao talento de referencia que se espalla por toda España e fóra das nosas fronteiras”, apoiándose na innovación e na sorpresa como sinais distintivos.

 
Mediación cultural

Ao tempo, o festival carballés “reivindica a importancia das artes escénicas como un elemento de coñecemento e de crecemento colectivo, ademais de defender a importancia da profesionalización do sector e a dignificación do esforzo de quen traballa nel”, continuou. Neste sentido, volve concederlles un lugar destacado ás actividades de mediación cultural, como xornadas profesionais, entrevistas ou encontros, para propiciar o intercambio entre público, compañías e outros axentes culturais. 

En canto ao programa de exhibición, no que se combinan moi diferentes linguaxes escénicas, Román Rodríguez fixo referencia á presenza de coñecidos nomes da escena estatal, como o ferrolán Javier Gutiérrez, Ariadna Gil, Vicky Luengo, Luis Bermejo, Juan Cavestany, Andrés Lima, Pepón Nieto, Pepe Viyuela ou Kulunka Teatro, xunto a figuras clave das nosas artes escénicas como Diego Anido, Cándido Pazó e a súa compañía Contraproducións, Redrum Teatro, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza ou Caxoto, entre outros. 

Esta 32ª edición, na que se lle entregará o premio Xograresa de Outono á xornalista Ana Romaní, inclúe tamén 10 estreas aboslutas: Apaga o candil, espectáculo coproducido por Contraproducións e o propio FIOT; O pequeno poni, de Redrum Teatro; Sonchistorias, de Xan Veiga; Tres vellas na romaría, de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti; É meu amigo!, de A Trastenda dos Contos, e as cinco pezas do certame Metro Cadrado, que se poderán ver en espazos no convencionais do municipio nos sábados de outubro. 

Primeira vez en Galicia

Así mesmo, o Festival Internacional Outono de Teatro trae por vez primeira a Galicia as montaxes Forever, de Kulunka Teatro; La maja y la mona (y viceversa), de Maribel Salas e Susana Sotelo; Ma solitud, de Guillem Albà; Prima Facie, de Suzie Miller, con Vicky Luengo; El testamento, de Zum-Zum Teatre; Duelo, de Jean Philippe Kikolas; Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil, e Piensa en Wilbur, de Wilbur. 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, quen participou nesta presentación xunto ao director do FIOT, Alberto Sueiro, e aos representantes das entidades locais implicadas, rematou a súa intervención felicitando á Asociación Cultural Telón e Aparte pola organización e mantemento dun evento deste nivel “con moito teatro de calidade, comprometido coa inclusión e conectado coa xente”. 

De feito, o festival carballés sumou máis de 10.000 asistentes na súa edición anterior, pola que foi recoñecido como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022 pola Fundación Contemporánea. Nesta mesma liña, este ano Camiño Escena Norte, programa de intercambio entre Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra que conta tamén co apoio da Xunta, elixiu o FIOT como representante galego na súa nova iniciativa Vieiros para establecer vínculos e darlle proxección exterior a un proxecto cultural por comunidade. Da man deste circuíto, chegará a Carballo Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa, peza gañadora do Premio Max 2023 á mellor labor de produción

 

Comparte