Nova: Anxo M. Lorenzo celebra que o programa de Residencias Poéticas da Xunta estea a contribuír a reforzar a literatura galega no exterior
12/09/2023
Anxo M. Lorenzo celebra que o programa de Residencias Poéticas da Xunta estea a contribuír a reforzar a literatura galega no exterior
O director xeral de Cultura e a organizadora da Residencia Literaria 1863 visitan na Coruña á escritora irlandesa gañadora deste programa de intercambio literario
A irlandesa Dairena Ní Chinnéide está este mes de setembro na Coruña para aproximarse á literatura galega, investigar e escribir o seu próximo poemario
A Coruña, 12 de setembro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a organizadora da Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño, visitaron hoxe na Coruña á escritora irlandesa Dairena Ní Chinnéide, gañadora do programa de intercambio poético impulsado pola Xunta de Galicia e que está a realizar a súa residencia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a capacidade deste programa para internacionalizar e divulgar o papel da literatura galega no exterior, a través dunha fórmula “que nas súas tres edicións está a constatar o interese por parte de escritores de distintas partes do mundo pola nosa literatura, axudando a reforzar o seu papel no exterior”. Anxo M. Lorenzo salientou que deste xeito se están a dar pasos para cumprir os obxectivos do Plan de impulso ao libro galego que inclúe distintas medidas para crear e fidelizar lectores e adaptarse á transformación dixital, algunhas baixo a fórmula de residencia literaria como esta.
Anxo M. Lorenzo felicitou á gañadora irlandesa desta edición, Dairena Ní Chinnéide, que realiza a súa estadía na Residencia 1863 da Coruña, un apartamento do século XIX no casco histórico herculino que combina residencia con centro de xestión cultural. Traballará e investigará en Galicia durante este mes de setembro para escribir o seu próximo poemario.
Trátase dunha poeta bilingüe que recibiu numerosos recoñecementos pola súa escrita, incluídas as bolsas de literatura en lingua irlandesa do Consello das Artes de Irlanda, Ealaín na Gaeltachta, a bolsa Covid do Centro de Literatura Munster e tamén unha bolsa Patrick e Katherine Kavanagh. Foi escritora residente en lingua irlandesa para a Dublin City University entre 2017 e 2018, e nomeada Poeta Laureada por Listowel como parte do proxecto Poetry Ireland Poetrytown en 2021, entre outras
Xavier Queipo, en Irlanda
Na parte galega, nesta edición o gañador para realizar o intercambio en Irlanda é o galego Xavier Queipo que se beneficia dunha bolsa neste mes de setembro. No seu caso se está a realizar no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico e como lugar aberto a profesionais en todas as formas da arte.
Para a elección de ambos escritores participou un xurado composto por representantes da Xunta de Galicia, da Residencia Literaria 1863 e das entidades Literature Ireland, Poetry Ireland e a propia residencia de acollida, o Tyrone Guthrie Centre.