Nova: O festival Maré reúne máis de 25 bandas e artistas de oito países para converter Santiago na capital da música atlántica co apoio da Xunta
19/09/2023
O festival Maré reúne máis de 25 bandas e artistas de oito países para converter Santiago na capital da música atlántica co apoio da Xunta
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais e de Turismo de Galicia participan na presentación do evento, que esta semana ofrecerá as actuacións de Amancio Prada, Abraham Cupeiro, Maro, Bia Ferreira, Don Letts ou Fetén Fetén
O Goberno galego contribúe á organización desta edición a través das axudas da Consellería de Cultura a festivais de música e de Turismo de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023 O festival Maré converterá Santiago de Compostela na capital das músicas e das artes atlánticas ao congregar no seu cartel máis de 25 bandas e artistas de ambos os dous lados do océano. O encontro, que se desenvolve desde mañá e ata o domingo 24 en diferentes escenarios composteláns, volve contar co apoio da Xunta de Galicia a través das subvencións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a festivais de música e de Turismo de Galicia.
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron esta mañá na presentación da nova edición de Maré xunto ao promotor do festival, Vítor Belho; o intérprete Amancio Prada e representantes doutras entidades colaboradoras. O acto contou, ademais, coa actuación de Gloria Pavía, que ao igual que Prada, forma parte do cartel do encontro compostelán.
O representante da Consellería de Cultura definiu Maré como “un evento híbrido entre a exhibición musical e o intercambio profesional”, ao tempo que subliñou que na súa esencia está presente “a referencia continua á lusofonía e á cultura dos dous lados do Atlántico”, en referencia á presenza de voces de Portugal ou Brasil dentro dun cartel no que tamén participan artistas do Reino Unido, Colombia, Cuba, Marrocos e Arxentina.
Explicou, así mesmo, que Maré é un 16 festivais de música subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas do Goberno galego para este tipo de encontros, sumándose así á axenda cultural que a Xunta está a impulsar ao longo do verán con máis de 2500 actividades baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia expresou a súa satisfacción por ver como este festival está xa “plenamente consolidado nunha cidade como Santiago, punto de encontro de pobos, culturas e inquietudes tan diferentes, que fan dela un crisol de culturas”. “Por iso non había outro lugar mellor para darse cita artistas, letristas, músicos, poetas e escritores unidos polos sentimentos e valores culturais do universo atlántico”, continuou.
Lembrou, ademais, a importancia que teñen os concertos e festivais apoiados pola Xunta de Galicia na recuperación do turismo urbano. Puxo o exemplo do sucedido este verán en Santiago de Compostela, cando a cidade “rexistrou os mellores datos de ocupación hoteleira durante a celebración de eventos como O Son do Camiño ou Gozo Festival”.
No caso de Maré, Xosé Merelles, salientou que se trata dunha das iniciativas que apoia a Xunta de Galicia fóra de temporada alta no seu obxectivo de desestacionalización e recordou o éxito que estas iniciativas musicais están a ter na actividade turística. Neste sentido, manifestou que durante o ano pasado Turismo de Galicia apoiou a celebración de máis de 170 actividades musicais en 70 localidades que lograron a participación de máis de 1,1 millóns de persoas.
Concerto inaugural
Mañá mércores celebrarase a xornada inaugural, na que o prato forte é o concerto que Amancio Prada ofrecerá no Auditorio de Galicia xunto á Real Filharmonía de Galicia e a Cantigas e Agarimos.
Xa para o xoves, están previstas as actuacións de Abraham Cupeiro xunto á Banda de Música Municipal de Santiago na praza das Praterías, da portuguesa Maro acompañada de diferentes voces galegas no Teatro Principal e da brasileira Bia Ferreira na Sala Capitol. DJ Panko encargarase de pechar esta segunda xornada cunha sesión na Casa das Crechas.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, acollerá o venres o trío galego Molimo xunto á poeta Marina Oural, mentres que os cataláns Pol Batlle e Rita Payés subirán ao escenario do Teatro Principal, onde previamente actuarán Gloria Pavía e Dani Liñeira. Tamén ese día, picarán na Sala Capitol o inglés Don Letts Dj e os escoceses Soom T & The Stone Monks.
A programación do sábado arrancará a mediodía no escenario situado na praza de Mazarelos, onde ao longo da xornada actuarán Maricarme, MaCheta Supah Sound, Dj Floro, Dj Panko, Aïta Mon Amour, Mundo Prestigio e Brinkadelia Troupe. Ademais, no Salón Teatro proxectarase o documental de Fermín Aio Kepa Junquera Berpiztu (Renacer), mentres que Fetén Fetén estarán no Teatro Principal acompañados polos galegos Xosé Lois Romero na percusión e Pedro Pascual nas cordas, e a Sala Riquela recibirá as arxentinas Fémina e a brasileira Lívia Mattos.
Como colofón, os protagonistas do domingo serán a Banda das Crechas, que encabeza un concerto homenaxe a Kepa Junkera, a colombiana Nidia Góngora e o dúo portugués Fado Bicha, que subirán ás táboas do Teatro Principal, e os cubanos Alexander Abreu & Havana D’Primera, que despedirán este Maré 2023 na Sala Capitol.