Nova: A Xunta continuará os traballos de investigación no Castro da Cibdá de Armea de Allariz o vindeiro mes
20/09/2023
A Xunta continuará os traballos de investigación no Castro da Cibdá de Armea de Allariz o vindeiro mes
A directora xeral de Patrimonio Cultural e o delegado territorial da Xunta en Ourense visitan este ben no que o Goberno galego inviste 30.000 €
O obxectivo da actuación feita en colaboración co Concello é favorecer a investigación, conservación e posta en valor deste xacemento castrexo
Durante a visita, os representantes autonómicos salientaron a importancia da colaboración institucional “para protexer o noso patrimonio cultural e permitir que tanto nós como as xeracións vindeiras poidan coñecer o noso pasado”. “Este é o mellor xeito de garantir o coidado dos nosos bens máis prezados”, afirmaron antes de engadir que o traballo coas administracións máis próximas aos xacementos “é o camiño para garantir o seu mantemento, difusión e divulgación, así como a súa vinculación coa veciñanza”.
Os traballos impulsados este ano dan continuidade aos convenios asinados nos últimos anos e céntranse na realización de tarefas de conservación e restauración dunha superficie de aproximadamente 170 m2 co fin de garantir a estabilidade e perdurabilidade dos restos exhumados. Para iso, procederase a limpeza e consolidación dos muros, pavimentos e estruturas e taparase con xeotextil as zonas escavadas. Ademais deseñarase e colocarase un novo panel con información renovada.
Ademais da propia intervención, tamén está previsto levar a cabo diferentes accións de divulgación dos traballos arqueolóxicos realizados co financiamento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.