Nova: O Galician Freaky Film Festival percorrerá o cinema fantástico e o anime internacional ao exhibir 45 curtas co apoio da Xunta

22/09/2023

O Galician Freaky Film Festival percorrerá o cinema fantástico e o anime internacional ao exhibir 45 curtas co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais asistiu esta tarde á sesión inaugural desta cita, que abre o seu programa coa conmemoración do 40º aniversario da película ‘Videodrome’, de David Cronenberg

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe a través das axudas a festivais audiovisuais á organización deste evento que amosará fitas de autores galegos como Lucía Estévez, Fernando Tato ou David Fidalgo

A mostra cinematográfica renderalle tributo á película de culto ‘Akira’, porá o foco na figura de Hayao Miyazaki e celebrará actividades para a cativada no ‘PequeFreak’

Vigo, 22 de setembro de 2023

O Galician Freaky Film Festival, que desenvolverá a súa sétima edición desde hoxe e ata o 30 de setembro, abordará os xéneros fantástico e de animación do audiovisual internacional ao exhibir en Vigo 45 curtas procedentes de 23 países co apoio da Xunta. Esta mostra cinematográfica, que hoxe arrincou no Auditorio Municipal e se trasladará do 27 ao 30 deste mes aos Cines Tamberlick, é unha das 11 mostras impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da liña de axudas a festivais audiovisuais neste 2023.  

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu á sesión inaugural do festival na que se proxectou Videodrome, o mítico filme de terror de David Cronenberg que neste 2023 fai 40 anos desde a súa estrea. Na súa intervención antes do pase, Sutil definiu como “parte esencial do noso sistema audiovisual” eventos que, como a mostra viguesa, enfocan a súa actividade “na promoción cinematográfica e conseguen formar e informar o público”.

O representante da Xunta afondou nas sinerxías fundamentais que se xeran entre espectadores e os festivais cinematográficos, encontros considerados pola Xunta “de carácter estratéxico” para o noso sector cultural. No caso particular do Festival Internacional de Cinema Freak e Fantástico de Vigo, o director de Industrias Culturais salientou a súa “potencialidade para captar novos públicos” e o seu traballo a prol da consolidación en Galicia da audiencia “aos xéneros máis singulares do audiovisual.

Estreas e presenza galega

O cartel do Galician Freaky Film Festival confórmano 45 curtas, escollidas entre as producións máis relevantes do cinema freak estreado no último ano. Desta ampla escolma, 32 pezas nunca foron proxectadas na nosa Comunidade e 12 son inéditas en España. Na selección de títulos inclúense dúas estreas internacionais: The Future of Everything (Unlimited Ducks), filme australiano de Mike Greaney, e ¿Cómo ven los monos?, curta galega asinada por Guido Díaz.

Para completar a presenza galega, á fita de Díaz cómprelle sumar títulos como Compañeiros, dirixido por Fernando Tato en 2022 e que inclúe no seu elenco a Pedro Brandariz, ou O neno sardiña, obra da cineasta Lucía Estévez. Miguel Canalejo, María Vázquez,  Diego Anido ou Camila Bossa son algúns dos intérpretes que actúan nesta produción. David Fidalgo é outro cineasta galego presente nesta sétima edición. O realizador lucense amosará en Vigo Sandwich Cat, filme animado que desde a súa estrea en 2022 percorreu gran número de festivais internacionais.

Anime nipón

Esta sétima edición do festival porá o foco en Hayao Miyazaki, lenda viva do anime xaponés do xa mítico Studio Ghibli, que este ano recibe un Premio Donostia no Festival de San Sebastián. A súa fita Mi vecino Totoro, será a protagonista do PequeFreak, programa destinado para a cativada que se celebra mañá sábado. Ao redor desta obra desenvolverase un obradoiro impartido pola escola viguesa de banda deseñada Kame.

O certame tamén porá o foco en Akira, filme de anime de 1988 considerada unha peza de culto. Dirixida por Katsuhiro Ōtomo, a película  será homenaxeada ao longo do festival. Ademais da súa proxección, a decoración do evento xirará en torno á súa estética, celebrarase unha charla sobre ela co experto Jordi Pastor, da Escola Joso de Barcelona, e será tamén un fío condutor da Feira Fantástica e Freak de Galicia, escaparate para creadores, artistas e negocios que terá lugar os días 29 e 30

 

Comparte