Nova: A Xunta reforza a promoción das películas galegas no Festival de San Sebastián co evento Films from Galicia

27/09/2023

A Xunta reforza a promoción das películas galegas no Festival de San Sebastián co evento Films from Galicia

Os principais axentes acreditados na mostra donostiarra están convidados a esta celebración do audiovisual galego, que conta con O corno e O soño da Sultana en competición oficial e con Matria e Sica en dúas das seccións paralelas

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste esta tarde á estrea da longametraxe de Jaione Camborda, primeiro filme en galego que opta á Cuncha de Ouro

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora no programa ‘Meet Them!’, no que nove profesionais do noso audiovisual están a ter a oportunidade de ampliar a súa rede de contactos e coñecer o festival de primeira man

 

San Sebastián, 27 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia está a reforzar a difusión das catro producións galegas que se exhiben estes días no Festival Internacional de Cine de San Sebastián a través de diferentes accións, como o evento Films from Galicia ao que esta noite están convidados os principais axentes do sector acreditados na 71ª edición do certame. Esta celebración do audiovisual galego dará comezo tras a estrea de O corno, longametraxe de Jaione Camborda que é, ademais, o primeiro filme en versión orixinal galega que compite pola Cuncha de Ouro. 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse ata a capital donostiarra para asistir ao pase principal de estrea desta produción, que puido verse xa esta mañá en dúas sesións especiais para prensa e profesionais. Esta coprodución internacional, encabezada polas galegas Esnatu Zinema e Miramemira xunto á valenciana  Elastica Films e con participación portuguesa e belga, contou para a súa materialización co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das convocatorias de axudas para desenvolvemento de proxectos e para produción audiovisual.

 

Tamén recibiron subvención autonómica os filmes Sica, de Miramemira con Carla Subirana na realización, e Matria, de Matriuska Producións con dirección de Álvaro Gago, seleccionados para a súa exhibición dentro da sección Made in Spain. O primeiro deles puido verse xa a pasada fin de semana, mentres que Matria ten programados pases mañá xoves e o venres. 

Completa a representación galega na carteleira do 71º Festival de San Sebastián O soño da Sultana, filme de animación dirixido por Isabel Herguera, que conta con Abano Producións entre as compañías coprodutoras. Este título compite tamén na Sección Oficial, dentro da que xa ofreceu as súas cinco sesións.

Produtoras emerxentes

Ao tempo, nove representantes de produtoras galegas emerxentes están a participar no programa Meet Them!, organizado polo festival donostiarra xunto a unha ducia de entidades de toda Europa, entre as que se atopa a Axencia Galega das Industrias Culturais. Grazas a esta colaboración, a delegación galega integrada por Alberto Díaz (Mordisco Films), Marta Eiriz (Danga Danga Audiovisuais), Anxos Fazáns e Silvia Fuentes (Sétima), Natividade Juncal e Sonia Médez (Cósmica Producións), Álvaro Liste (Serea Films), Laura Pérez Cervera (Cinetiqueta Films) e Rosa Taboada (Martela Films) están a ter a oportunidade de ampliar a súa rede de contactos e de coñecer o festival de primeira man, ademais de se beneficiar da visibilidade que proporciona o apartado Industria Online na web oficial certame.  

Dáselles acceso, así mesmo, ás actividades profesionais e aos espazos de networking que se desenvolven tanto no Industry Club como no Museo San Telmo, sede do Foro de Coprodución que se desenvolve desde o pasado día 25. 

Plan Xeración Cultura

As diferentes accións de promoción do cinema galego no Festival Internacional de Cine de San Sebastián insírense no programa de internacionalización do noso audiovisual incluído no Plan Xeración Cultura, que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e no marco do que as produtoras teñen á súa disposición unha liña de axudas á comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais.

A través dela, a Xunta contribúe á proxección exterior das producións galegas cofinanciando tanto os custos da asistencia de empresas a mercados e feiras internacionais de referencia como a promoción dos filmes seleccionados nalgún dos máis destacados festivais do circuíto estatal e internacional.

 

Comparte