Nova: A Xunta celebra o día da tradución cun recital multilingüe do poema A cabeleira, o texto galego traducido a máis idiomas do mundo

29/09/2023

A Xunta celebra o día da tradución cun recital multilingüe do poema A cabeleira, o texto galego traducido a máis idiomas do mundo

Da autoría do poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, publicouse en 1995 en catro idiomas e reeditouse ao longo dos anos en 35, 60 e, finalmente, 70 linguas diferentes

Hoxe tamén se entregou o XXI Premio Plácido Castro de Tradución a Eva Almazán e Xosé Antón Parada Fernández polo seu labor neste campo

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia celebra o Día Internacional da Tradución na súa véspera con dúas citas culturais ás que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García: a presentación do libro A Cabeleira (Poema en 70 idiomas), de Claudio Rodríguez Fer, que se acompañou dun recital multilingüe do poema que, ata o de agora, é o texto galego traducido a máis idiomas do mundo e a entrega do XXI Premio Plácido Castro de Tradución.

A Cabeleira (Poema en 70 idiomas) é, tal e como o seu título indica, unha recompilación do poema homónimo do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer en 70 idiomas diferentes. A peza foi publicada inicialmente en 1995 en catro linguas: orixinal en galego e traducións de Olga Novo ao castelán, Diana Conchado ao inglés e María Lopo ao francés. Vinte anos despois editouse en 35 idiomas e logo en 60, ata chegar aos 70 de hoxe, “o que supón unha mostra máis da interculturidade e da proxección internacional do autor, a quen debemos en gran parte a presenza da lingua e cultura galegas no exterior, pois na actualidade Claudio Rodríguez Fer converteuse nun dos seus principais embaixadores”, salientou Valentín García.

No transcurso da presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estivo acompañado, ademais de polo autor, por Armando Requeixo, crítico literario, e Carmen Blanco, escritora e autora do debuxo e caligrama das cubertas.

O acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, converteuse tamén nun encontro histórico a favor da diversidade lingüística co recitado en directo do poema A cabeleira en case unha trintena de linguas, para o que se xuntaron outras tantas persoas de diferentes nacionalidades.

XXI Premio Plácido Castro de Tradución

De seguido, o secretario xeral de Política Lingüística asistiu en Corcubión ao acto de entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXI edición recaeu por igual en Eva Almazán, pola obra O ano do pensamento máxico/The year of the magical thinking, de Joan Didion; e Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica. O galardón, que ten o apoio do Goberno galego, conta cunha dotación de 2.000 euros, un diploma e unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada expresamente para o certame por Xaquín Chaves.

Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego, significar a importancia da tradución no noso sistema literario e alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras.

 

Comparte