Nova: O ciclo musical “Ópticas contempóraneas” propón tres concertos para o outono na Cidade da Cultura con ópera, piano e a actuación da Real Filharmonía

30/09/2023

O ciclo musical “Ópticas contempóraneas” propón tres concertos para o outono na Cidade da Cultura con ópera, piano e a actuación da Real Filharmonía

Trátase dun ciclo de música clásica desde unha perspectiva innovadora e contemporánea para as tardes da fin de semana, o 29 de outubro, 3 e 26 de novembro

As propostas traen ao Gaiás dúas estreas en España protagonizadas por unha ópera do portugués Miguel Azguime e unha peza da Real Filharmonía de Galicia

O ciclo impulsado pola Xunta complétase co pianista italiano Federico Albanese que chega cos temas do seu novo disco publicado este ano

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia programa na Cidade da Cultura tres concertos para o outono co ciclo Ópticas contemporáneas. A música reborda o pentagrama, que achegan ao público a música clásica desde unha perspectiva moderna. Serán tres actuacións a celebrar nas tardes do domingo 29 de outubro, o venres 3 de novembro e o domingo 26 de novembro.

Ópticas contemporáneas arrinca cunha ópera chegada de Portugal e que se estrea en España. Un riso para chorar reflexiona sobre o poder hexemónico de destrución da memoria e de devastación da terra. Con música e libreto de Miguel Azguime, a peza desenvólvese como un teatro metafísico, entre o riso e o pranto, con cinco personaxes e sete instrumentos acústicos con medios electrónicos en tempo real. Está dirixida por Pedro Neves e conta coas sopranos Camila Mandillo e Andrea Conangla, o baixo barítono André Henriques, o recitador Jade Mandillo, e os músicos de Sond'Ar-te Electric Ensemble.

O programa continúa no venres seguinte, o 3 de novembro, cunha actuación da Real Filharmonía de Galicia. Baixo a dirección de Baldur Brönnimann a agrupación interpreta flying Pictures, unha composición contemporánea de Vivan e Ketan Bhatti que parte de obra Cadros dunha exposición de Mussorgsky. O concerto do Gaiás supón a estrea en España desta peza. O domingo 26 de novembro a programación pecha con Federico Albanese, pianista e compositor italiano que chega á Cidade da Cultura cos temas do seu último traballo publicado este ano, Days of Passage. Unha mestura de música clásica, pop alternativo e psicodelia para achegarse ao público seguindo a estela de Ludovico Einaudi.

Ópticas para a cativada

Como en ocasións anteriores, este ciclo conta cunha actividade complementaria, de carácter gratuíto, pensada para favorecer a conciliación das persoas adultas que asisten aos concertos no Gaiás.  Ópticas para a cativada, no marco do programa Corresponsables no Gaiás, ofrece obradoiros paralelos aos concertos para o público infantil. Os talleres abrirán media hora antes do comezo do concerto e durará ata 15 minutos despois de que remate o mesmo. As persoas interesadas poden reservar praza a través de Ataquilla.

As entradas para os concertos poden adquirirse a través de Ataquilla.com a un prezo de 5 €. Tamén se pode aceder e consultar máis información a través da web www.cidadedacultura.gal.

Comparte