Nova: As obras de restauración da Concatedral de San Xiao de Ferrol rematarán no primeiro trimestre de 2024
30/09/2023
As obras de restauración da Concatedral de San Xiao de Ferrol rematarán no primeiro trimestre de 2024
O responsable autonómico de Cultura percorre os andamios da torre antes da súa retirada, nas próximas semanas, tras o remate das primeiras actuacións
A intervención financiada pola Xunta de Galicia cun investimento de 450.000€ continuarán no interior do templo
Esta é a primeira actuación do Plan Catedrais de Galicia neste ben e forma parte dun convenio coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol
En virtude desta colaboración, tamén está previsto actuar na igrexa des Dores, onde se está traballa xa na preparación do proxecto de rehabilitación
Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, esta actuación, onde a Consellería inviste 450.000 €, é a primeira impulsada neste ben no marco do Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta coa que a Xunta “consolida a súa aposta por seguir reforzando o rico patrimonio cultural da nosa Comunidade con vistas ao Xacobeo 2027”. “Os templos como o de San Xiao son os nosos recursos culturais máis potentes e desempeñan un papel fundamental nas cidades que os albergan tanto pola súa significación relixiosa como polo seu protagonismo social”, salientou Román Rodríguez.
Neste senso, o conselleiro de Cultura destacou o esforzo feito pola Administración autonómica para que estes bens de gran valor simbólico e integrados en rutas de peregrinación continúen sendo “unha testemuña da nosa identidade e cultura”, así como para “garantir a súa preservación e que poidan ser gozados polas xeracións que virán tras de nós”.
Obras en desenvolvemento
A Concatedral de San Xiao é un dos bens patrimoniais máis importantes da cidade de Ferrol. Está incluída no ámbito de protección do Barrio de Magdalena e as obras que divídense en dúas fases. A primeira, que está actualmente en desenvolvemento, céntrase na zona exterior para restaurar o reloxo e solucionar os problemas de estabilidade que podían afectar no futuro á torre. Para iso limpouse toda a superficie e desmontouse o remate substituíndo aquelas pezas que tecnicamente foi necesario.
Unha vez rematados estes traballos continuarase coa segunda fase no interior do templo afectando á zona superior do coro e a entrada. No seu conxunto, prevese que ambas fases estean rematadas no primeiro trimestre do ano 2024.
Por outro lado, o acordo asinado coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol prevé tamén un investimento de preto de 340.000 € para completar a restauración da igrexa das Dores de Ferrol, cuxo proxecto de obra estase a ultimar para iniciar o proceso de contratación. Trátase dun templo de especial importancia para a cidade pola súa vinculación coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional, e ser sede da confraría do mesmo nome.