Nova: A Xunta impulsa 70 proxectos coreográficos a través de residencias artísticas desde a posta en marcha do seu plan integral para a danza

01/10/2023

A Xunta impulsa 70 proxectos coreográficos a través de residencias artísticas desde a posta en marcha do seu plan integral para a danza

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais recibiu os representantes de Colectivo Glovo, que xestionan desde Lugo o programa ‘Atopémonos bailando’

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove e cofinancia xunto a distintas entidades outras seis iniciativas de investigación e progreso creativo en artes do movemento para fornecer a actividade profesional desta disciplina

Máis de 150 creadores levan participado nos últimos anos nas sete liñas de traballo neste ámbito apoiadas mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais

 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse na Cidade da Cultura con Esther Latorre e Hugo Pereira, directores de Colectivo Glovo, nunha xuntanza á que tamén asistiu Allyson Maykal Solís, bailarina costarriqueña que está a concluír a súa participación en Atopémonos bailando, programa de residencias artísticas para proxectos de danza que conta co apoio da Xunta.

No encontro valorouse o labor desenvolvido nos últimos meses por Colectivo Glovo, que puxo en marcha en 2022 este programa en Lugo. En dúas edicións, 12 proxectos coreográficos maduraron ao abeiro dun Atopémonos bailando que, ao longo deste 2023, deu acubillo aos traballos dos lusos Clara Marchana e Luís Fernandes, da andaluza Vanesa Aibar, do estremeño Álvaro Murillo e dos galegos Félix Fernández, Carlota Rosón e Cristina Romero, así como ao intercambio artístico da creadora costarriqueña.

Sete programas con máis de 150 participantes

Atopémonos bailando é un dos sete programas de residencias artísticas no ámbito da danza que a Xunta apoia no financiamento, en colaboración con outras entidades, co obxectivo de fortalecer o sector profesional dedicado a esta disciplina. O fomento deste tipo de iniciativas, así como a creación de sinerxías entre múltiples institucións, son algunhas das ferramentas que se contemplan no Plan Integral para a Danza en Galicia, deseñado pola Xunta coa participación do sector.

Desde a posta en marcha en 2022 desta folla, executada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tras un frutífero diálogo cos diferentes axentes da danza na nosa Comunidade, o Goberno galego, mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais, implicouse no desenvolvemento de 70 proxectos a través das sete liñas de residencias artísticas nas que participa e polas que pasaron durante este tempo máis de 150 persoas relacionadas coa creación coreográfica.   

Entre estes programas de progreso escénico, o de maior traxectoria é Residencias Paraíso, que a pasada fin de semana realizou o seu encontro central na illa de San Simón. Xestionado polo Colectivo RPM, acadou a súa sétima edición neste 2023. Nos dous últimos cursos, o programa levou a cabo 17 residencias artísticas ás que a Xunta contribuíu tanto economicamente como cedendo as instalacións do Salón Teatro, do Centro Coreográfico Galego e da Cidade da Cultura para a maduración dos proxectos.

Nas cidades e no rural

A Cidade da Cultura de Galicia participa tamén en Residencias Paraíso no marco xeral do seu propio programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), unha liña de traballo que procura apoiar o talento e darlle visibilidade á creación artística cultural e contemporánea en todas as súas vertentes. Coa primeira edición, convocada o ano pasado, apoiáronse 56 proxectos, dos cales 20 eran do ámbito escénico. En varios deles as artes do movemento acadaban un protagonismo significativo.

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe a materializar o proxecto de Residencias de Creación e Investigación levado a cabo por A Casa Vella. Esta entidade, situada en Allariz, é beneficiaria de Territorio Cultura, un programa financiado con cargo aos fondos NextGeneration da Unión Europea que procura a dinamización do rural a través da cultura. Grazas a este apoio canalizado a través dun programa específico de subvencións para dinamizar a cultural no rural, A Casa Vella organizou 23 residencias entre 2022 e 2023, ás que hai que sumarlles outras tres no marco de Iberescena en conexión con distintos profesionais de Latinoamérica.

A este cómputo xeral, engádeselle a implicación da Xunta no programa Circula!, impulsado por Danza T e que neste 2023 contará con tres residencias na nosa Comunidade xestionadas pola Asociación de Profesionais das Artes do Movemento de Galicia (PAM). O formato de residencias tivo tamén o seu espazo en Galicia Escena Norte, circuíto de exhibición organizado pola asociación Escena Galega para o intercambio escénico entre cinco comunidades autónomas, que promoveu entre 2022 e 2023 tres montaxes de danza ao abeiro das denominadas das estadías Cruzamentos.

A meirande parte destas residencias ofrecen en paralelo actividades de mediación (encontros co público, actividades formativas, accións con outros colectivos artísticos, etc.), polo que tamén se están a dar a coñecer as artes do movemento entre distintos perfís de público, outra das medidas prioritarias do Plan Integral para a Danza de Galicia.

Comparte